
No filme Manquiña dá vida a Manuel, un sexaxenario con disfunción intelectual de nacemento, que vive nunha aldea, da que nunca saíu. Falecida a súa nai el é o derradeiro habitante do lugar un accidente do seu inseparable can fai que saia alí a buscar axuda para tentar salvalo, entrando no descoñecido territorio da cidade. Alí coa fuxida do seu can, comeza para Manuel outro tipo de viaxe de busca, que comparte con Paula, unha menor de idade dunha familia que está a pasar a vida en fogares de acollida dos que fuxe. Xuntos iniciarán a busca do animal que deseguida se transforma nunha investigación para encontrar a Marta, a filla de Manuel, que lle foi arrebata para dala en adopción a unha familia con máis recursos.
"O home e o can" é un dos froitos do patrocinio da Deputación Provincial de Ourense dentro da súa aposta polo sector audiovisual, con fitos como o rescate do Festival de Cine Internacional de Ourense, a alianza coa Academia Galega do Audiovisual -que celebrará os Mestre Mateo do 2023 en Ourense- ou a creación da Ourense Film Commission, unha ferramenta deseñada para mellorar a viabilidade das producións rodadas na provincia mentres se afonda no retorno socioeconómico ao territorio. Este novo órgano de xestión creado pola Deputación para seguir avanzando no traballo de situar á provincia como un dos destinos de rodaxes será presentado de xeito oficial ao sector audiovisual na próxima edición do OUFF, que se celebrará do 23 de setembro ao 1 de outubro e que este mesmo luns presentou a carteleira oficial, cunha imaxe central obra da artista visual Isabell Seidel.