
No caso da Federación de Redeiras, o xurado valorou "a dignificación que fan do traballo das mulleres no ámbito do mar, non só visibilizando as características singulares do seu labor, senón promovendo tamén actividades formativas destinadas á mellora das súas condicións sociolaborais". Ademais, tamén recoñeceu "a posta en valor dun oficio esencial para a actividade marítimo-pesqueira e a vocación de vertebración do territorio que ten O Peirao, desde Ortegal ao Baixo Miño, tecendo rede nun colectivo cohesionado".
Da proposta da ANPA do CEIP A Barouta, pola súa banda, recoñeceu o "promover unha estratexia coeducativa e sociocultural con actividades que dun xeito transversal impulsan a igualdade de xénero e preveñen a violencia, inducindo hábitos de consumo cultural positivo nas familias a través das crianzas", ademais de "trasladar un concepto diverso dos feminismos".
O xurado, que fixo a súa elección por unanimidade, estaba composto por Lucía Canoura, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, pola tiktoker María Rúa Rodríguez (@pradorua) e mais polas xornalistas María Obelleiro e Fernanda Tabarés, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e Manuela Muñiz, xefa da Sección de Cultura e Deportes, como secretaria.