Francisco Leiro protagoniza a nova exposición do MARCO

O antropomórfico, 1986-2022 poderá verse ata o vindeiro 16 de outubro

| Santiago. Redacción | Seccións: ArteExposicións
Compartir:
Escorredoira II, Escorredoira I. Francisco Leiro. 2020. Fonte: MARCO.

Escorredoira II, Escorredoira I. Francisco Leiro. 2020. Fonte: MARCO.

Unha escolma de esculturas de Francisco Leiro protagonizan a nova exposición do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). A institución abría na mañá deste 22 de abril a mostra que se poderá ver ata o vindeiro 16 de outubro e que, con comisariado do propio director do Museo, Miguel Fernández-Cid, relaciona as pezas do escultor de Cambados cos espazos do centro.

O proxecto propón unha revisión da obra que o escultor desenvolveu nas dúas últimas décadas centradas no antropomórfico, un dos eixes da súa produción. Esculturas narrativas en granito, bronce e madeira; maquetas, colaxes e debuxos, amosan o interese do artista polo corpo humano con propostas realizadas de xeito específico para a exposición. As pezas dialogan cos espazos do museo "de modo que o público perciba os distintos xogos de escala e materiais nos que se desenvolve unha das esculturas máis persoais da arte europea desta época".

"Madeira de piñeiro, de acacia, de castiñeiro, de cedro. O tipo é o menos relevante para o artista, quen conforma corpos inventados a base de talos de madeira. Corpos sen embigos, ensamblados uns con outros, monumentais e de tamaño reducido. O artista volve explorar por unha das liñas máis intensas e poderosas da súa obra: o antropomórfico, o zoomórfico, o ambiguo da figura humana", adianta a presentación do proxecto.

O comisario destaca ademais que "entre os elementos que definen e individualizan claramente a súa obra están a presenza dunha especie de tradición oral (tamén visual, por suposto) na orixe de moitas das súas composicións. E da mitoloxía, culta e popular, de ditos e proverbios, do coñecemento dende o rural: poucos escultores teñen a súa capacidade, mesmo a súa facilidade, para levar ao tridimensional esa especie de haikus do paradoxo que son os nomes e historias populares. Menos aínda os que saben radicalizar a súa proposta por defender a súa contemporaneidade".

Entrevista a Leiro sobre a exposición en Atlántico Diario TV

Que che parece esta nova?
94 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Francisco Leiro, Leiro, Miguel Fernández, Miguel Fernández-Cid...