Preséntase en Madrid a grande exposición do Ano Laxeiro

Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970) iniciará en Lalín unha itinerancia que chegará ata París

A sede da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, acollía na mañá este 28 de marzo a presentación de Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970). A grande exposición que se lle dedica ao pintor de Lalín, neste ano no que protagoniza o Día das Artes Galegas, abrirá as súas portas na capital do Deza entre o 6 de abril e o 5 de xuño vindeiros. A seguir, desenvolverá unha itinerancia por Madrid, do 22 de xuño ao 24 de xullo, e polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, entre o 29 de setembro e o 18 de decembro. Xa no 2023, do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro, o proxecto visitará o Instituto Cervantes de París.

A Consellería de Cultura organiza esta proposta para homenaxear a quen destacan como "o pintor galego máis relevante do século XX" en colaboración co Concello de Lalín, a Real Academia Galega de Belas Artes de San Fernando, o Instituto Cervantes e a Real Academia Galegas de Belas Artes.

Corenta pezas
A mostra reúne corenta pezas procedentes de coleccións privadas e de institucións como o Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, o Museo de Pontevedra ou Afundación a percorrer as dúas décadas (1950-1970) nas que o pintor se instalou en Bos Aires. Segundo o comisario do proxecto, Carlos L. Bernárdez, esta considérase "a súa etapa de madurez cunha notable evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina". Deste xeito, poderán verse algunhas das obras máis representativas do período como son Foi un home (1963), O espanto (1962), Xefe Azteca (1964), Retrato (1960-1970) ou O mundo (1964).

Segundo explica a presentación da mostra, "a traxectoria de Laxeiro nestes anos sérvenos para ligar a arte que se fai en Galicia co importantísimo núcleo intelectual exiliado en América, nomeadamente na Arxentina. Neste senso é decisiva no percorrido vital e artístico de Laxeiro a Exposición de Artistas Gallegos, organizada polo Centro Gallego de Buenos Aires en 1951, xa que a partir desta data o noso artista pasa a residir na capital arxentina". Desde ese momento o pintor intégrase no "núcleo fundamental da cultura galega en América, o asentado na Arxentina onde salientan as figuras de Castelao -xa morto nesta altura- e Luis Seoane". Canda a eles, nomes coma Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro, Arturo Cuadrado ou, anos depois, Isaac Díaz Pardo, configuraron un panorama artístico e creativo que marcou decisivamente o lalinense.

Nesta época a obra do pintor, aínda que mantén a súa fidelidade aos temas galegos, "oscila entre unha continuidade e unha maior agresividade da pincelada, máis achegada ao expresionismo abstracto, com obras dun xestualismo que conecta coas correntes internacionais do expresionismo abstracto, sen perder o ar e a textura da súa obra anterior". Así, as obras presentes na mostra "conectan cun tipo de pintura que poderiamos catalogar de existencialismo tráxico. Non enxergamos xa ideais, apenas fica unha presenza brutal, áspera e primaria. Hai nestas obras un evidente elo do primitivismo da estética do granito", salienta o comisario do proxecto.

Máis artistas
Canda ás obras de Laxeiro, a mostra complétase con pinturas de autores como Carlos Maside, Manuel Prego de Oliver, Manuel Pesqueira, Antonio Faílde, Luis Seoane ou Julia Minguillón, cos que se pretende recrear de xeito simbólico a exposición de 1951. Como parte deste proxecto, o artista Antón Lamazares realizou unha peza conmemorativa da exposición, que, segundo el "representa a alegría e celebración polo Ano Laxeiro, a figura máxima da pintura e a alma da nosa terra". A proposta complétase coa publicación dun catálogo que recolle a reprodución de todas as pezas exhibidas canda a textos do comisario e do director da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján.