O Carballo Interplay pon o foco nas webseries e os podcast

O festival reúne en competición oficial a 16 webseries de todo o mundo

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay (CIP) mantén o foco nas webseries, como xa ven sendo habitual no evento e ademais entra con forza este ano sobre os formatos Podcast, cada vez máis presentes. A novena edición do festival, a celebrar entre o 6 e o 9 de abril, reunirá en competición ata 16 webseries de procedencia internacional, catro delas galegas. As series seleccionadas competirán por levar algún dos seis premios que se reparten, un deles á mellor serie con versión orixinal en galego. As webseries irán presentadas en tres seccións, segundo temáticas. Na sección 'Outra Historia' tres series cuxos contidos xiran arredor de feitos históricos; en 'Movidas humanas' as produción enfócanse sobre os conflitos aos que se enfronta o ser humano na actualidade e no seu futuro; o bloque 'Mix de Trasnadas' actúa como contedor das propostas máis trastes, divertidas e irreverentes da produción audiovisual para internet. É nesta última sección na que se inclúe a última temporada, xa van pola 4, da webserie 'Mataría', co malogrado Pedro Brandariz, que na pasada edición obtivo o recoñecemento á mellor serie con versión orixinal en galego e conseguiu ademais o premio do público. Esta producón acadou ademais o premio a mellor webserie nos XX Premios Mestre Mateo.



O Carballo Interplay convoca ademais o premio a proxectos de serie en galego, que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet. Xustamente este ano o festival acollerá a estrea da webserie 'Pringadas' , dirixida por Belén Puime e gañadora ao mellor proxecto na pasada edición. O festival este ano tamén pon o foco no cada vez máis importante formato sonoro do podcast, cuxo consumo habitual creceu exponencialmente en España nos últimos tempos, atrapando a un de cada tres españoles, segundo a organización. Este feito é algo que dende o Carballo Interplay non queren pasar por alto e por iso reunirán a algunhas das principais plataformas que alugan este tipo de contido no Estado. Ademais, dentro do programa de actividades inclúese un obradoiro de escrita de ficción sonora para podcast a cargo de Manuel Bartual, que amosará o proceso de creación dos seus podcasts Biotopía e Santuario.