O Día da Narración Oral enche de actividades o país este 20 de marzo

Festival Atlántica, Sete Falares, Falando a Boca Chea e NOGA promoven esta celebración

As celebracións do Día da Narración Oral espallaranse este 20 de marzo por todo o país. Os Festivais Atlántica, Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, canda ao colectivo Narración Oral Galega coordinan un denso programa de actividades que percorrerá barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Marín, A Laracha, Narón, Culleredo, Portonovo, Cangas, Alfoz, Soutomaior, Oleiros, Fene, Brión, Ribeira e Ourense. A información sobre o programa, que comprende un total de trinta actividades, darase a coñecer nas redes sociais das entidades participantes.


Entre os nomes que fan parte desta conmemoración atopanse Vero Rilo e Penadique, José Luis Gutierrez Guti, Erica González, Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Atenea García, Celso F. Sanmartín, Anxo Moure, Servando Barreiro, Ramiro Neira, Larraitz Urruzola, Mirari Urruzola, Cris de Caldas, Iseo a Moura, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.

Antonio Reigosa, investigador, escritor e responsable da sección de Literatura Oral da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, asina o manifesto desta edición da efeméride. No texto, en forma de conto, reivindica que "Contar é abrir o ollo da fonte do saber. Contar é dicir palabras de auga que
serán regato, lago, río, mar ou océano, e que un día se evaporarán pero non para morrer senón para volver á terra e renacer entre as raíces de quen as agarda para amalas", e conclúe a reclamar que "sen auga non hai vida e sen as voces que aloumiñan as fantasías, tampouco haberá mañá!".