Unha cultura que precisa escaparates

O estudo 'Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos' fai un retrato dos mecanismos do consumo cultural

O estudo 'Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos' fai un retrato dos mecanismos do consumo cultural
A lei da oferta e da demanda tamén rexe na cultura en Galicia, ambas van da man pero nos dous sentidos xa que, segundo amosa o informe 'Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos' a baixa percepción da existencia de oferta de produtos culturais en lingua galega induce a ter unha menor demanda e menor consumo deles. Esta é unha das conclusións xerais deste documento presentado hoxe polo Consello da Cultura Galega, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega deste ente independente da Comunidade Autónoma. Nos datos procedentes dunha mostra de 900 enquisas á poboación extráese tamén que a demanda de produtos culturais en galego é crecente pero que a percepción da súa oferta é moi desigual segundo a natureza de cada un deles, situando a oferta editorial como a máis valorada e a de cine e audiovisual como as máis escasas.

O estudo foi presentado hoxe en rolda de prensa pola presidenta da Institución, Rosario Álvarez, o secretario xeral de Política Lingüística; Valentín García e o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares. Rosario Álvarez indicou que detrás da elaboración deste informe está a preocupación cara ao compromiso co dereito ao acceso á cultura do que dispoñen os nenos galegos e pola transmisión xeracional que poida estar a facerse da nosa lingua e cultura. Nese sentido, a presidenta preguntouse "ata que punto a oferta cultural está acorde co Estado de Benestar do que desfrutamos" e instou a usar estes datos para deseñar políticas públicas que incentiven o aprecio e demanda da cultura galega entre a poboación. O informe, descritivo da percepción da dispoñibilidade de produtos culturais por parte da poboación e a súa demanda, que non cuantificador da oferta real que poida haber, conclúe que a valoración que fai a poboación galega con respecto á oferta cultural en Galicia en xeral atópase algo por riba do aprobado. Nunha escala de 0 a 10, sitúase en 6,15. A avaliación da oferta cultural enfocada ás persoas menores de 16 anos é máis baixa e sitúase en 5,56 puntos. Por último, a oferta cultural en galego para este mesmo sector da poboación é a xulgada máis negativamente, xusto no límite do aprobado (5,01). De feito, o 39,02% da poboación puntúa a oferta en galego para a cativada por debaixo do 5.

O documento conclúe, entre outras moitas cousas, na existencia de patróns claros que explican que características sociais inciden no consumo de cultura entre a mocidade. A primeira delas é a educación das persoas, que se percibe claramente na lectura de libros, asistencia a museos, exposicións e espectáculos. Pero non é o único, xa que polas cifras pode concluírse que en consumo cultural o exemplo é fundamental. "A tendencia a consumir cultura entre as e os rapaces aumenta se as persoas que conviven con eles tamén consomen cultura", explica o estudo. Vese claramente na lectura pero tamén noutros hábitos, coma o de ir ao cine ou a espectáculos. Despois existen outras variables, coma o nivel de equipamento do fogar ou a lingua do contorno dos menores. Este informe sinala que a valoración da oferta cultural é peor canto maior e o nivel educativo xeral, no relativo á mocidade, ata o 40% da poboación considera insuficientes a propostas culturais para os menores de 16 anos. A publicación do Consello da Cultura Galega está dispoñible para consulta e descarga a través da páxina web corporativa da institución.

Desequilibrios
Outra das tendencias claras que se aprecian dos datos recollidos polo estudo é que "existe un patrón común que afecta a todos os tipos de produtos e servizos culturais analizados, que consiste en que o consumo de produtos en galego é sempre inferior ao consumo en xeral". Música, televisión, libros, contidos audiovisuais (cine, series vídeos...) e xogos (nomeadamente videoxogos) son consumidos por practicamente a totalidade da mocidade pero con moita menos intensidade en galego. E achega diferencias significativas e un desequilibrio sobre a percepción da existencia de contidos dispoñibles. Nese sentido a oferta editorial en galego aparece como a mellor valorada e no arco contrario estarían os produtos audiovisuais, os espectáculos e a música. As salas de cine encabezan o conxunto de prácticas culturais nas que non se percibe oferta e nas que isto condiciona o seu consumo. Así, o informe asegura que os datos son baixos de consumo cultural en galego débese principalmente á falta de coñecemento de oferta no noso idioma. Por exemplo, só o 5,2 por cento da cativada non escoita música pero esa cifra medra ata o 37,4 por cento cando se pregunta se escoitan música en galego. Pasa tamén nos xogos, o 15,2 por cento dos enquisados aseguran non xogar nunca pero a cifra dispárase ata o 73,1 por cento no momento en que se pregunta se é en galego. E en ambos casos a explicación é, segundo revela o estudo, pola percepción de que non se lles ofrece esa posibilidade de acceso a produtos en galego. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, referiuse ao exemplo do ocorrido coas Tanxugueiras coma unha demostración de que se os contidos en galego son capaces de acceder ás canles de distribución masivas poden acadar o éxito e chegar sen problemas polo feito de seren produtos en galego.