Os Goya máis galegos

Catro premios e dúas intervencións destacadas na gala debuxan unha edición con Galicia moi presente

Catro premios e dúas intervencións destacadas na gala debuxan unha edición con Galicia moi presente
Chechu Salgado recollendo o Premio Goya a actor revelación IMAXE:RTVE
A cerimonia dos premios cinematográficos da academia española tivo este ano un especial sabor galego. Desde o momento da súa concepción comezaba xa o recendo, o realizador monfortino Dani de la Torre collía a dirección do evento da 36ª edición dos galardóns no Palau de les Arts de Valencia por encargo da Academia de Cine. Ademais diso, como parte do programa musical, a cantante Luz Casal fixo soar o idioma galego con contundencia e peso na gala, interpretando, acompañada pola Real Filharmonía de Galicia o tema 'Negra Sombra', coa letra do poema de Rosalía de Castro. A celebrada interpretación, moi ben acollida por un público que xa semella acoller o galego na música como algo máis normal nos últimos tempos, acompañou o vídeo 'In memoriam', dedicado aos ausentes da industria audiovisual deste ano pasado. Xa na parte da recollida de premios a colleita do sistema galego saldouse con ata catro "cabezóns" na forma de recoñecemento á excelencia no relativo á interpretación, a música e á animación, un formato no que Galicia leva anos estando abonada.




O actor lucense, formado na ESADE, Chechu Salgado (Sober, 1991) recibiu o Goya como Mellor Actor Revelación pola súa participación en 'Las leyes de la frontera', un novo recoñecemento á canteira actoral galega nesa categoría das "revelacións" das que en anteriores edicións xa se foron traendo premios para Galicia. A animación, que tamén é outro dos valores do audiovisual galego que acada habitualmente candidaturas e premios na convocatoria estatal desde fai anos, acadou nesta ocasión os dous premios dispoñibles para o formato. A produtora e directora ferrolá Chelo Loureiro recollía o galardón como Mellor Película de Animación para a longametraxe 'Valentina' sinalándolle á academia que unha película de animación tiña moitos máis elementos de traballo a valorar ademais da animación, como calquera outra produción cinematográfica. Xustamente apenas cuns días de antelación, 'Valentina' recibía tamén a medalla do Círculo de Escritores Cinematográficos na categoría de animación.

Nestes Goya recollía tamén un "cabezón", no eido da animación, Xosé Zapata pola curtametraxe "The Monkey", proxecto galego, con coprodución portuguesa. O palmarés galego viuno completar a compositora Zeltia Montes (O Saviñao, 1979) pola Mellor Música Orixinal, composta para a multipremiada 'El buen patrón'. Un galardón ao traballo técnico de son na longametraxe 'Tres', produción de Frida Films completa a crecente listaxe relacionada co audiovisual galego nesta fornada dos Premios Goya.