O autor José Luis Baños de Cos (Jerez de la Frontera, 1977) ven de gañar a oitava edición do premio de textos teatrais Varela Buxán organizado pola Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada. Despois de ler as 19 obras presentadas a concurso, o xurado conformado por Santiago Cortegoso, Ana Carreira e Esther Carrodeguas. decidiu, por unanimidade, conceder o premio a Baños de Cos pola obra 'Segunda morte'. O xurado destacou deste texto a complexidade da estrutura dramática e o tratamento temático da inmigración, "cunha poética particular, tecida con imaxes cheas de simbolismo", sinalan. José Luis Baños de Cos, gaditano de orixe afincado en Galicia, é Licenciado en AntropoloxÃa Social e cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Como autor xa ten acadado, con anterioridade, os premios de dramaturxia Roberto Vidal Bolaño, Abrente da MIT de Ribadavia ou o de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle. A finais de febreiro, no Teatro Principal da Estrada, faráselle entrega ao autor deste premio literario nun acto no que tamén se lle entregará a Fernando Epelde, gañador da edición anterior, a publicación do libro Engadir auga e esperar.