Dupla vitoria de Berta Dávila nos Premios Xerais

Ledicia Costas recunca no Premio Merlín sete anos despois

Ledicia Costas recunca no Premio Merlín sete anos despois
Berta Dávila e Ledicia Costas cos seus premios
A edición de 2021 dos Premios Xerais - novela, narrativa xuvenil e narrativa infantil- deuse a coñecer este pasado sábado no Museo de Rande deixando un palmarés con detalles de cor na forma de concentración de premios e repetición dunha autora. Dúas mulleres acudiron a recoller os tres galardóns tras das deliberacións dos xurados. A escritora compostelá Berta Dávila precisaría as dúas mans para os seus premios - como en 2009 fixo no mesmo certame Rosa Aneiros reunindo os mesmos premios- ao acadar os premios correspondentes ás convocatorias da XXXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela e a XIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Pola súa banda, a viguesa Ledicia Costas volvía recoller un Premio Merlín de Literatura Infantil, o correspondente a esta XXXVIª edición, que poderá facer compañía ao mesmo galardón que xa acadou en 2014. Os premios están dotados cada un con 10.000 euros e os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.

'Os seres queridos' é o título da novela de Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) que acadou o favor por maioría do xurado de entre as 44 obras presentadas este ano ao premio de Novela. Segundo o xurado a través dun comunicado, a protagonista de 'Os seres queridos' queda embarazada cinco anos despois de ter o seu primeiro fillo e toma a decisión de abortar. Neses momentos lembra o nacemento do neno como unha experiencia dolorosa debido á falta de adecuación da súa vivencia co relato dominante idealizado da maternidade. O xurado considera que a cerna da obra gañadora está conformada pola reflexión sobre a alienación, a fenda abisal que a sociedade crea negando a muller como persoa dende o momento en que se converte en nai. Atopa o xurado nesta obra unha clara vocación de estilo e unha prosa precisa, atraente e emotiva, coa que a narradora protagonista configura un "magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas, sexan familiares ou non, e afonda no significado do amor maternal e nas arestas controvertidas da maternidade".

O relato 'Un elefante na sala de estar' gañador do Premio Jules Verne, tamén da propia Dávila, acadou pola súa banda unanimidade dun xurado que destacou a sensibilidade coa que se trata o tema do suicidio a través dun estilo limpo e coidado e dunha lectura amable que engancha dende o primeiro momento. Na obra un grupo de persoas que se vén afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo. Segundo o xurado a orixinalidade da novela radica na reconstrución da historia da protagonista a partir de diferentes puntos de vista. A autora recrea diferentes voces (entre elas, familiares, amizades, doutoras…) perfectamente conseguidas que lle dan á novela un ton polifónico.

Segundo Premio Merlín a Costas
Ledicia Costas (Vigo, 1979) volvía recoller un Premio Merlín sete anos despois de ' Escarlatina, a cociñeira defunta', grazas ao seu relato 'O neno do lume', que acadaba a unanimidade do xurado desta convocatoria á que se presentaron 26 obras. 'O neno de lume?, en palabras do xurado, conta a historia de Morgan, un neno peculiar que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta diante da casa da señora Culpepper xunto cunha enigmática nota que dicía: "Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son O Neno de Lume". Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar. Un día, a cidade aparece cuberta por unha mesta néboa con sabor a sopa que non levanta co paso dos días. Sen rastro do sol, Morgan sente como Luminaria se vai apagando. A señora Culpepper lembra a nota que traía Morgan na cesta, e o neno prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da néboa. Cren que Luminaria só poderá sobrevivir se atopan a casa das tres irmás. O que non imaxinan é quen son en realidade esas mulleres.

'O neno de lume' sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil "pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios", segundo din. "Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade", consta no comunicado desta edición.