A Biblioteca Nacional abre unha exposición sobre os códices de Afonso X

A entidade amosa volumes orixinais dos seus fondos ata o vindeiro 12 de febreiro

Este 18 de novembro abre as súas portas na Biblioteca Nacional de España, en Madrid, Los libros del rey Sabio, unha exposición dedicada aos códices realizados baixo o reinado de Afonso X. A conmemorar o oitavo centenario do nacemento do monarca, a institución recupera os volumes que conserva nos seus fondos para artellar esta mostra, comisariada por Inés Fernández-Ordóñez. Segundo ela, o relato da exposición pretende amosar o xeito no que a cultura e a política se integraron neste reinado coa intención de "desenvolver un novo modelo de estado centralizado na figura do monarca como encarnación do ideal sapiencial da natureza".

Na exposición poden verse máis dunha decena de obras, entre eles os cinco codices orixinais do Fuero real (1255), o Libro complido de los judizios de las estrellas (arredor de 1254), o Libro de las cruzes (1259), a primeira parte da Grande e general estoria (arredor de 1270) e unha primeira versión da Cantigas de Santa María (arredor de 1270). Canda a estas amósanse reproducións doutras obras do scriptorium que promoveu o monarca, como é o tratado astrolóxico Libro de las figuras de las estrellas fixas, ou as Siete Partidas que perteneceu aos Reis Católicos.

O proxecto artéllase en catro ámbitos, a atender aos diferentes campos aos que atendeu o rei a través do seu scriptorium. "El derecho: la ordenación del presente", "La historia: la enseñanza del pasado", "La ciencia: el conocimiento del futuro", e "El culto a la Virgen: el respaldo de la divinidad" marcan o percorrido pola mostra. As pezas que se ensinan farán parte dunha grande exposición dedicada ao persoeiro que se poderá ver en Toledo a partir do vindeiro mes de marzo.