Tras unha execución que comezou en abril deste ano, a Deputación da Coruña presentou o Plan director do Parque Compostela Rupestre, que terá por obxectivo poñer en valor os petróglifos dos concellos coruñeses de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Val do Dubra e Teo. Entre os principais resultados do plan director está a localización de 144 "entidades patrimoniais" e 67 "contornas de protección", nas que documenta todos aqueles bens que pasan a formar parte do parque, sinálase a súa situación legal e administrativa e as posibles medidas de protección. Adicionalmente, o plan propón a creación de 3 áreas arqueolóxicas e cinco rutas circulares. As áreas son Villestro-Ventosa (Ames e Santiago), Monte Piquiño (Teo) e O Castriño de Conxo (Santiago). As cinco rutas circulares pasan polo Castro Lupario (Brión e Teo), Portomouro e a Ribeira do Tambre (Val do Dubra), a Portela de Villestro-Ventosa (Santiago e Ames), o Monte da Silvouta (Ames e Santiago) e Cornide (Teo). Segundo Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación, antes de final de ano deberase decidir, entre os cinco concellos integrantes, as accións do plan ás que se asignará o reparto do crédito previsto para este ano.