A Xunta aproba unha rehabilitación integral do sanatorio de Paraxón

Investiranse máis de medio millón de euros na súa recuperación para uso turístico e cultural

30/9/2021 | Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

Sanatorio de Cesuras Foto: Lista Vermella - Hispania Nostra

O Consello da Xunta vén de autorizar a subscrición dun convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira, a través da Axencia Turismo de Galicia, e o Concello de Oza-Cesuras para a recuperación e posta en valor do sanatorio de Paraxón para uso turístico cultural, por un importe total de 571.457,06 euros, en dúas anualidades. O obxectivo do proxecto é poñer en valor o edificio modernista proxectado nos anos 20 polo arquitecto Antonio González Villar, cando a tuberculose representaba un problema de saúde no territorio pero que non chegou a ser rematado e cuxo mal estado de conservación e mantementos o situara na non-oficial "lista vermella" de patrimonio en perigo. Con esta nova actuación acometerase unha rehabilitación integral do edificio e da súa contorna, que permitirán transformalo en polo de atracción turística do concello e do xeodestino das Mariñas Coruñesas.

Situado nun lugar de gran valor paisaxístico, nunha zona catalogada como reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, a actuación permitirá non só conservar a edificación senón transformar o sanatorio nunha peza clave na configuración da oferta e demanda do patrimonio, actuando como foco de atracción de visitas. O convenio de colaboración executarase entre este ano e o vindeiro. De feito, a maior parte do investimento realizarase en 2022, o que permitirá acometer a rehabilitación proxectada do edificio, dinamizar a contorna do sanatorio e converter este punto en parada obrigatoria de peregrinos, turistas, visitantes ou veciños da comarca, co fin de dinamizar o turismo da zona. O Sanatorio de Paraxón xa foi obxecto de axudas por parte do Goberno galego nas anualidades 2019 e 2020 para a rehabilitación do bloque sanitario e para a adecuación do espazo destinado ao estacionamento temporal de vehículos no lugar do Paraxón Bragade, actuacións que supuxeron un investimento de máis de 60.000 euros.

Que che parece esta nova?
35 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Turismo, Turismo de Galicia, Goberno Galego

Claves

Conceptos