Sarabela leva o Camelot de Begoña Caamaño ás táboas

'Morgana en Esmelle' estréase este venres en Ourense

'Morgana en Esmelle' estréase este venres en Ourense
Cos catro recentes Premios María Casares pola obra 'A lingua das bolboretas' xa colocados nos seus andeis, a compañía ourensá Sarabela Teatro estrea esta mesma semana unha nova montaxe e faino na súa cidade. A obra 'Morgana en Esmelle' presentarase no Auditorio municipal de Ourense o venres 17 de setembro e estará en cartel toda a fin de semana. O espectáculo supón o regreso á dirección de Ánxeles Cuña, que estará á fronte dun elenco formado por Fernando Dacosta, Laura Míguez, Fina Calleja, Sabela Gago, Quico Cadaval, Elena Seijo e Nate Borrajo. Levarán á escena a adaptación dun texto orixinal do mesmo título da xornalista e escritora Begoña Caamaño (Vigo, 1964- 2014) preparado pola propia Cuña.

'Morgana en Esmelle' trátase dunha obra que, explica a compañía, reescribe o mito cunha ollada contemporánea, achegando unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda. Segundo a sinopse, a obra pregúntase se son os remordementos e as culpas sentimentos que nos acompañan toda a vida ou se temos acaso dereito a esquecer os danos causados polas nosas decisións. Con preguntas semellantes, a chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. Morgana, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade. Coa súa dor e coas lembranzas de Merlín vaise tecendo o fío da memoria ata descubrir as razóns últimas da ruína de Avalon e da caída de Camelot. As entradas xa están á venda e o aforo será do 50%.