A compañía Sarabela Teatro estrea esta semana no Teatro Principal de Ourense a súa nova montaxe: Arraianos. A obra, baseada no volume de relatos de Xosé Luís Méndez Ferrín ambientados na Raia Seca entre Galicia e Portugal, está adaptada á escena teatral por Fernando Dacosta e Ánxeles Cuña, que tamén exerce a dirección. Sobre o escenario Elena Seijo, Fernando Dacosta, Sabela Gago Fernando González, Fran Lareu e Fina Calleja darán vida a estes arraianos destes relatos, que, segundo Sarabela "fan reflexionar, e fan deambular por mundos nos que transitan o erotismo, a dupla moral, a miseria, a conciencia e a grandeza de alma e de vida". A obra estrearase o vindeiro venres, 16 de setembro, ás 21:00 horas manténdose no cartel do teatro ao longo da fin de semana, sábado e domingo.
O libro de Méndez ferrín é unha obra fundamental da literatura galega, un clásico moderno cos seus dez relatos ambientados no mesmo espazo e en diferentes épocas, desde a primeira das guerras carlistas ata o franquismo. O libro foi galardoado co Premio da Crítica de Galicia, Premio da Crítica Española e o Premio Losada Diéguez. Segundo a comunicación da compañía teatral para a súa adaptación, nesta produción a Raia Seca ourensá "é unha metáfora de mundos reais adobados pola ficción. A idea de fronteira, da liña divisoria, punto de escisión e de unión, lugar de encontro e separación. Espazos vitais nos que os límites non son soamente físicos nin fronteirizos. Os límites están na condición humana, no que de verdade nos converte en arraianos". As entradas xa están á venda en Ataquilla.