Un carballo de lenda para o Catálogo de Árbores Senlleiras

Solicitan a inclusión do Carballo da Chá de Vilachá de Salvadur polos seus vencellos mitolóxicos

| Santiago. Redacción | Seccións: SociedadePatrimonio
Compartir:
Carballo da Cha

Carballo da Cha

O Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia recolle e dá un réxime de protección ao patrimonio arbóreo da Comunidade. A inclusión faise a petición de terceiros e adoita estar relacionada con razóns de valor ornamental, excepcionalidade dalgunha característica ou especie, lonxevidade ou, nalgúns casos con valores máis intanxibles coma a importancia histórica dalgún exemplar. Menos habitual é a valoración mitolóxica dun exemplar en concreto, como é o caso da recente solicitude presentada ante a Consellería de Medio Ambiente por iniciativa da Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur, en A Pobra do Brollón (Lugo). A veciñanza reclama á Xunta a inclusión do Carballo da Chá en base ao seu vencello a unha lenda local que indica que ao seu carón foi enterrado un ser mitolóxico: o aláparo.

A asociación presentou a candidatura deste carballo situado no tramo histórico do Camiño de Inverno a Santiago de Compostela, ante a Consellería que deu comunicación pública, entre outras solicitudes, no DOG do pasado venres. Os argumentos que avalan esta proposta dese a asociación non son tanto a espectacularidade nin a antigüidade da árbore. Realmente o particular deste Carballo da Chá, explican, é o seu vencello á mitoloxía popular dos "aláparos", perigosos seres medio homes e medio bestas, case ciclopes, coñecidos pola súa voracidade e polas súas inmorais e criminais costumes de roubar e facer mal. A lenda local indica que neste lugar onde está a árbore foi enterrado o aláparo logo de que os veciños de Vilachá lle desen morte. O seu lugar de enterramento, segundo di a tradición popular, é nun sitio onde nacen xuncas (o único, seica, de todo Vilachá) e que está ao carón do Carballo da Chá. Ademais, a importancia desta árbore para xustificar a súa inclusión neste catálogo tamén radica no propio feito de ser quen de crear un topónimo referido a un só exemplar concreto, na vez de a un conxunto natural, que segundo a veciñanza, revela a importancia que ten para a comunidade de Vilachá. Por último, pero non menos importante dadas as reivindicacións que desde Vilachá de Salvadur fan sobre o recoñecemento do trazado do Camiño de Inverno a Santiago, o carballo sitúase no tramo histórico deste, xusto no lugar onde se colle o camiño cara ao miradoiro da Capela. Co cal, entenden os veciños, "a súa conservación, divulgación e posta en valor resulta imprescindible ao ser un dos lugares con maior traxecto de persoas". A solicitude está agora sometida a trámite de información pública durante un prazo de vinte días, para os efectos de que os interesados poidan presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. A resolución do comité de valoración de solicitudes para o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia coñecerase máis adiante.

Que che parece esta nova?
47 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Socalcos dun milenio

Socalcos dun milenio

Unha investigación ofrece os primeiros resultados científicos sobre as orixes da paisaxe vinícola da Ribeira Sacra

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Carballo, Pobra do Brollón, Lugo, Morte...