Santiago recupera o seu festival cultural do mes de agosto

Inclúe a residencia sonora colectiva 'Colapsoloxías' e o ciclo 'De Lugares e Órganos'

Inclúe a residencia sonora colectiva 'Colapsoloxías' e o ciclo 'De Lugares e Órganos'
O concello de Santiago recupera o Festival C, o seu programa de actividade cultural que este ano terá a segunda edición durante o mes de agosto. A concelleira de Acción Cultural da capital galega, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron esta edición, que este ano supera o medio cento de espectáculos con funcións de teatro e danza, obradoiros de circo, proxeccións de cinema na rúa, itinerarios e laboratorios de creación sonora, concertos, exposicións, recitais de poesía, conversas, debates, etc.. O programa esténdese do 2 ao 31 de agosto por numerosos espazos da cidade. Alén do Teatro Principal e as salas de concertos e exposicións do Auditorio, as actividades aproveitan a riqueza paisaxística de Compostela e espállanse polas prazas e rúas do casco histórico e os parques da Alameda, Bonaval, Galeras, ou Vista Alegre. Ademais a fachada da antiga Casa do Concello, na confluencia da rúa Preguntoiro e a praza de Cervantes, será o lenzo sobre o que o videoartista Roi Fernández percorrerá, a través de diferentes composicións abstractas, a pegada do edificio ao longo dos séculos. As proxeccións de videomapping terán lugar do mércores 4 ao domingo 8 de agosto ás 23 horas.

Teatro, danza, circo, cinema
A programación cultural do Festival C abeira un extenso abano de disciplinas artísticas e propostas para todos os públicos. Espectáculos teatrais da man da compañía galega Amodoros Producións e a donostiarra Trapu Zaharra; a danza de reputadas formacións da contorna estatal e galega como Funboa Escénica, Marta Alonso, Pisando Ovos, Vella Esscola, Elahood ou LASALA, esta última dentro do circuíto Danza a Escena do INAEM do Ministerio de Cultura; as artes circenses as porán Cía Bergamotto, Chicharrón Circo Flamenco, Cía Hotel Iocandi, Circonove e Los Galindos. Co apoio do Instituto Cultural Rumano, o ciclo Cinema na rúa levará ao paseo central da Alameda compostelá unha selección de filmes da cinematografía romanesa que inclúe obras de Toma Enache, Nicolae Mărgineanu, Cristi Puiu, Radu Jude e Liviu Săndulescu. Os mércores ás 20 horas, as sesións de Poemas no Estío encherán de versos, conversas e música espazos como o paseo da Ferradura, a Zona C en Cervantes, ou o paseo central da Alameda, grazas ás composicións e a palabra de Luz Pichel e Elvira Ribero, Anxo Angueira e Secho, e Helena Salgueiro e Verónica Moar. Entre as actividades para público miúdo, todos os martes de agosto a partir das 18 horas, os Contos no Parque do programa APEGO virarán a plataforma dos arcos do parque Bonaval nun espazo para imaxinar e gozar da narración oral en lingua galega. Inacio Vilariño, Pérez & Fernández, Soraya Lema, Magín Blanco e Teatro Ghazafellos conducen contos e propostas para nenas e nenos a partir de 3 anos de idade.

Colapsoloxías e De Lugares e órganos
A residencia colectiva Colapsoloxías continúa a súa andadura ao longo do mes ao abeiro do Festival C con diversas actividades cara á experimentación sonora. Entre elas, topamos escoitas circulares da man do colectivo inglés Avon Terror Corps, do centro creativo Phonos, ou de creadores como Yago Portela Seijo e Manuel Prieto Álvarez; paseos para descubrir o ritmo dos insectos e o son dos quirópteros coa bióloga Cristina Fuentes e o grupo Sorex; e concertos e Dj sets, por conta de Ángel Faraldo, Chago e Pablo Barreiro, Ben Bertrand, Ben Vince, o combo EP/64, Colaxes Sonoras, Tropa Macana, Chapa e Ázido Folklórico, que ateigan a axenda desta iniciativa promovida polo Colectivo Colapso.

Por outra banda, a difusión e a celebración do patrimonio organístico de Compostela volven á programación estival grazas a unha nova edición do ciclo De Lugares e Órganos. Do 24 ao 3 de setembro, concertos, e encontros con especialistas e grandes organistas como Corina Marti, Marco Aurélio Brescia, Diana Baroni, o Grupo 1500, Rafael Guel, María José Cerviño e Fernando Buide, acompáñanse de visitas guiadas aos principais órganos da cidade e proxeccións de cinema na Sala Numax.

Todos os eventos son de balde previa retirada de convites en compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C desde este mesmo xoves.