O Festival de Pardiñas chega á súa vixésimo cuarta edición coma un referente para a música tradicional galega

Pardiñas: Resistencia en música

Os días dous e tres de agosto do 2003 o Festival de Pardiñas cumpría vintecatro edicións. Sen conseguir nunca asistencias masivas e sen contar cuns carteis inzados de estrelas internacionais (que tamén as houbo), a Asociación Xermolos de Guitiriz conseguiu, non sen dificultades, crear un espacio para o encontro de músicos, afeccionados e artesáns de todo o país.

Comezaba a década dos oitenta cando nun lugar tan afastado dos grandes circuítos culturais coma é Guitiriz, a asociación Xermolos inauguraba o Festival de Pardiñas, unha aldea do concello na que pretendían reunir grupos de música tradicional de todo o país. Pouco a pouco os esforzos por mellorar o evento deron en que pasasen polo escenario figuras da talla de Milladoiro, Kepa Junquera, Wolfstone ou Värtinna, e que o día de festa inicial se transformase en dous. Todo nun ambiente de auténtica romaría, cos seus postos de venda de polbo e churrasco, as rosquillas e mesmo a igrexa da aldea en pleno funcionamento. Unha romaría que reuniu este ano a quince mil persoas vidas de toda Galicia e parte do estranxeiro.




Non só música
Ademais dos concertos, o festival acolle tamén a entrega dos premios Guitiriz de pintura, escultura, fotografía e cerámica, e durante os días do encontro expóñense estes traballos na escola do lugar. Outras actividades coma a maratón popular ou o pregón, a cargo de Bernardino Graña nesta vixésimo cuarta edición, completan as posibilidades de ocio no festival. Sen embargo, os pratos fortes que fan de Pardiñas un festival particular, ademais dos concertos, son as mostras de artesanía e de instrumentos. Na mostra de artesanía, xa cos mesmos anos de existencia do festival mestúranse zoqueiros, ferreiros, canteiros, cesteiros e artesáns de todo tipo, desde os vellos que exercen o seu oficio de toda a vida ata un sorprende número de xente nova que toma o relevo. Ademais dos participantes na mostra, pola zona poden verse postos que acollen desde panadeiros ata representantes de asociacións de todo o país. Como exemplos xa habituais neste encontro temos o grupo de italianos que anuncian “Pizza e música” ou a señora Pilar que volta cada edición, cos seus noventa e moitos anos, para vender os seus carpíns tecidos a man. Canda a eles, un público heteroxéneo, local e foráneo, que está só de visita ou que xa acampou polos arredores para pasar uns días. Amantes da música tradicional, curiosos ou simplemente festeiros arremuíñanse na zona. Para todo hai sitio en Pardiñas.



A construcción da música


Desde hai xa dez anos, Pardiñas acolle tamén a Mostra de Instrumentos Tradicionais, organizada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos desde hai xa dez anos. Nesta mostra danse cita os principais fabricantes artesanais de trebellos para facer música do noso país. Gaitas con curiosos foles, punteiros de inédita afinación, requintas, zanfonas, pandeiretas e pandeiros... Todo tipo de instrumentos teñen cabida neste
encontro, recoñecido unanimemente coma un dos principais do país no eido, e iso pode comprobarse pola grande cantidade de xente que se achega, proba e merca este material.




A forza do público


A diferencia entre Pardiñas e outros festivais consolidouna o público. É en Pardiñas onde cada ano se dá cita unha manchea de amantes da música tradicional para mercar novos instrumentos, coñecer novas pezas, cantar e tocar e, por suposto, pasalo ben. Deste xeito, non é estraño ver nesta cita a recoñecidos músicos do folk galego a compartir opinións sobre determinados roncóns ou requintas. E claro, os instrumentos hai que probalos, e é habitual que onda a propia zona na que os artesáns expoñen e venden os seus instrumentos se organicen improvisadas bandas que entoan melodías populares coas novas adquisicións e co apoio dun público espontáneo. Esa presencia da música entre o público tamén se ve cada noite. Ao rematar os concertos fórmanse grupos no mesmo campo da festa (a miúdo coa participación dos músicos que xa actuaron) que continúan pola súa banda a celebración ata altas horas da mañá.



Independencia



Unha das peculiaridades máis destacadas de Pardiñas é que o Festival depende integramente do traballo voluntario dos membros da Asociación Xermolos. A venda de camisetas, revistas e outro material, as achegas dos veciños de Guitiriz (colleitadas casa por casa), as doazóns de membros da asociacións así coma os dous bares situados no campo da festa eran os medios fundamentais para financiar un evento que vía como cada edición podía ser a última. Máis de corenta e dous mil euros por edición fóronse recadando por estes sistemas. Houbo que esperar estes vintetrés anos para que no 2003 o festival contase por fin co apoio do Concello de Guitiriz, que achegou material para a festa. Ata o de agora, segundo sinala a organización, mesmo os membros de Protección Civil que participaban na festa viñan desde concellos veciños, coma o de Lugo ou o de As Pontes, sen que desde o Concello non se atopasen máis que con impedimentos.



Futuro

A pesar das dificultades que marcaron o camiño, desde Xermolos están convencidos da continuidade do festival e son optimistas con respecto ao futuro. “Vemos que é unha reivindicación que fai a xente, que quere que sigamos”, sinalan. A mudanza de equipo de goberno no concello supón unha esperanza para a organización, “supoñemos que agora non nos poñerán trabas e poderemos acceder a subsidios que ata o de agora se nos negaban”.