Cultura convoca axudas para actividades de escritores, ilustradores e tradutores fóra de Galicia

As subvencións repiten o orzamento de 2019 e contemplan os desprazamentos ao resto de España

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de subvencións de apoio a aquelas persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desexen participar en distintas actividades que se realicen no sector do libro, tales como feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas fóra de Galicia.

Repetindo o orzamento da convocatoria de 2019, o goberno autonómico repartira por criterio de data de presentación ata 30.000 euros entre as peticións que lle cheguen de financiamento de gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización. Os importes decídense segundo o ámbito xeográfico de destino, como xa se fixera na anterior convocatoria, incluíndo neste caso un máximo de 250 euros a cada actividade que teña lugar no resto de España. Igual que no 2019 a orde destina ata 600 euros no caso das que se fagan noutros países da Unión Europea e ata 1.500 euros poderán obterse para a participación en actividades no resto do mundo.

Estas axudas preséntanse por parte da Consellaría como medio de favorecer a promoción do libro galego e poderán acceder a elas as persoas físicas, sexan autónomas ou non, escritoras, ilustradoras e tradutoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que se teñan inscrito, asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro e fóra de Galicia durante este ano; que acrediten o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega e que teñan obra publicada nos tres anos anteriores a esta convocatoria.