A Deputación de Ourense asegura con 225.000 euros a súa achega ao OUFF

O festival renderá homenaxe ao desaparecido cineasta Luis García Berlanga

Luis García Berlanga na recollida do seu premio no OUFF en 2005
Luis García Berlanga na recollida do seu premio no OUFF en 2005
A Deputación de Ourense ven de renovar o compromiso coa realización do Festival de Cine de Ourense (OUFF), de cara á súa vindeira 26ª edición, que se celebrará do 24 de setembro ao 2 de outubro. O presidente do ente provincial, Manuel Baltar, e a presidenta da Fundación "Carlos Velo", Carmen Leyte, asinaron o convenio de colaboración que ámbalas dúas entidades subscriben anualmente polo que se rexe a colaboración entre ámbalas dúas entidades desde o ano 2019 no que o Concello de Ourense renunciou a seguir organizando o festival. Neste sentido, a Deputación cofinancia o OUFF cunha subvención nominativa en favor da Fundación "Carlos Velo" por importe de 225.000 euros, e pon a disposición da fundación unha oficina no centro cultural "Marcos Valcarcel", así como o Teatro Principal e Centro Cultural nas datas e horarios que se determinen. Pola súa banda, a fundación organizará o festival e efectuará as contratacións, laborais ou mercantís, que sexan precisas para a organización do evento.

Entre as novidades que xa se coñecen desta vindeira XXVIª edición do OUFF está a prevista homenaxe ao director e guionista Luis García Berlanga (València, 1921 – Madrid, 2010) no centenario do seu nacemento. Está prevista celebración de varios actos conmemorativos para lembrar o vínculo que unía ao cineasta co OUFF. No ano 2005, durante a décima edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, Berlanga recibiu o Premio Memoria Histórica a figuras relevantes do cine español. O director valenciano acudiu a recoller o seu galardón, sendo o último premio honorífico da súa carreira que recibiría persoalmente antes do seu falecemento no ano 2010. Por unha banda, o festival acollerá unha exposición fotográfica rememorando a súa presenza en Ourense durante a celebración da 10ª edición, en novembro de 2005, e ao tempo proxectarase o filme El verdugo, para a crítica quizais a súa maior altura cinematográfica.
Ligazóns