
O xurado do galardón destacou "o interese do autor por espertar o gusto pola poesía e, nomeadamente, polos poetas galegos, pois parte de fragmentos de creacións destes autores e autoras como entrada aos seus". Canda a isto, salienta "a súa musicalidade, un ritmo poético moi conseguido, imaxes moi atractivas e unha destacada carga visual, ademais da linguaxe coidada e comprensible ao alcance da infancia e con temas próximos ao mundo infantil. O autor establece unha serie de xogos coa polisemia e outros recursos que buscan a implicación do lectorado, respondendo a adiviñas ou completando versos".
A entrega do premio desenvólvese este venres día 12 ás 17 horas na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces). No acto presentarase o libro premiado na anterior edición do certame, Latexos, de Beatriz Dourado. Peña, mestre xubilado, obtivo outros galardóns de poesía como o Francisco Añón, o certame de poesía de Carral ou o Leiras Pulpeiro.




