O artista vigués Din Matamoro estréase no MARCO

A mostra 'A mirada acesa' fai un estudo da cor a través dos seus traballos máis recentes

A mostra 'A mirada acesa' fai un estudo da cor a través dos seus traballos máis recentes
Cadros de 'A mirada acesa' nas salas do MARCO Fonte: MARCO
A Mirada acesa é a primeira exposición de Din Matamoro (Vigo, 1958) no museo de arte contemporánea da súa cidade. A mostra, comisariada por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, fai un percorrido polo seu traballo máis recente reunindo unha selección da súa obra dos últimos anos, centrada no estudo da cor, acompañada doutras pezas de épocas anteriores que actúan coma un "ensaio sobre a percepción, os seus mecanismos e emocións", segundo os seus comisarios. A exposición inaugurouse hoxe nas salas do primeiro andar onde estará ata o vindeiro 7 de novembro.

Para esta mostra o artista toma como punto de partida unha célebre premisa de Kandinsky: “O branco é un silencio profundo, absoluto, cheo de posibilidades”. Segundo os comisarios a pintura de Din Matamoro é viva e os seus cadros son "só en aparencia nus, teñen o seu lugar nunha pintura atemporal e contemporánea, que marcou épocas e novos modos de mirala, de entendela. Pintura de tacto, de equilibrio, pero tamén de aparición, de desvelamento; pintura para pasear por ela, para conversar", afirman. Matamoro segundo eles, pinta cadros "en aparencia monocromos e faino lentamente, aplicando con coidado sucesivas capas de materia. Se cadra por iso, os percibimos densos pero nunca estáticos", indican. Fernández-Cid e Pilar Souto apuntan á observalos con curiosidade e dedicarlles o seu tempo ata sentir "como asoman formas e cores, agochadas tras a última capa, tras a pel da pintura".

Páxina pasada de desencontros
Matamoro, membro da Real Academia Galega de Belas Artes desde 2017, foi un dos quince artistas que no ano 2018 asinaron unha carta aberta dirixida ao alcalde da cidade na que lle comunicaban o seu rexeitamento a tomar parte na exposición Metrópole, perspectiva urbana da arte galega e sinalaban ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, como responsable dunha situación de parálise e ausencia de modelo do museo acusándoo directamente de "finiquitar o modelo museográfico desenvolvido pola dirección e equipo profesional do MARCO, suspendendo así a autonomía de xestión que lle correspondía como Fundación de Interese Galego." A páxina do desencontro semella pasada tras da chegada de Miguel Fernández-Cid á dirección do centro, xa que o artista e o rexedor compartiron hoxe a rolda de prensa de presentación desta exposición.