O colectivo A Rula localiza unha lauda medieval e unha estela romana

Os achados fan parte do conxunto da igrexa de Santa María de Cornanda, en Brión

Estela romana de Santa María de Cornanda. Fonte: Colectivo a Rula.
Estela romana de Santa María de Cornanda. Fonte: Colectivo a Rula.
Unha xeira do colectivo A Rula, dedicado á arte rupestre e ao patrimonio cultural, polo Concello de Brión deu en dous destacados achados. Unha lauda medieval reutilizada como banco no exterior da igrexa de Santa María de Cornanda en Brión e mais unha estela romana inserida nun dos muros do templo foron as descubertas realizadas polos membros do colectivo, que informaron as autoridades para proceder á catalogación e protección dos mesmos.

Segundo informa o blog de A Rula "En fronte á entrada principal do templo chamounos a atención un improvisado banco feito polos/as fregueses/as. Voltearan a tampa dun antigo sartego medieval para acondicionar este asento de pedra que apoiaron sobre dous pés de pedra".

Esta lauda altomedieval, segundo explican, é das "coñecidas como de estola ou dobre estola" e presenta "unha representación da figura humana bastante abstracta que estaría en posición frontal ou erguida coas pernas abertas e os brazos elevados. Neste caso, en vez da habitual representación circular da cabeza, figura un relevo en forma de frecha entre os que serían os brazos da estola". Esta é a primeira tampa de sartego deste tipo que o colectivo rexistra no concello de Brión.

Fotogrametría da lauda medieval. Fonte: A Rula.
Fotogrametría da lauda medieval. Fonte: A Rula.


En canto á estela romana, trátase dunha peza reutilizada como "aparello construtivo no exterior da ábsida do templo". Situada en horizontal a rentes do chan "aínda que parcialmente soterrada conserva boa parte do seu tamaño orixinal", cuns 108 centímetros de longo e 31 de ancho. Na peza percíbese a inscrición que corresponde co nome "Iovi Optimo Máximo", "Xupiter o mellor ou o máis grande" con varios sucos a enmarcar as letras.

Posición da estela romana. Fonte: A Rula.
Posición da estela romana. Fonte: A Rula.