A canle de Youtube da empresa Ab Origine está a publicar ata o vindeiro 4 de maio os 11 capítulos que compoñen o documental O país da Moura. Esta produción da firma especializada en antropoloxía e xestión cultural "é un documental sobre a riqueza mitolóxica que atesoura Galicia centrado nas lendas que configuran o mito da Moura, o personaxe mitolóxico máis importante da nosa cultura e un dos elementos simbólicos do folclore galego".
O documental aborda desde a propia definición da moura, ás xeografías vencelladas co personaxe, os seus tesouros, as interaccións cos humanos ou a cristianización do mito entre outras cuestións nos diferentes episodios. A produción, dirixida e guionizada por Rafael Quintía, contou co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

