Dez escritores compartirán os libros que lles deixaron pegada nun ciclo na Biblioteca de Galicia

Arantza Portabales abre o programa este venres falando do 'Que me queres amor?' de Manuel Rivas

Arantza Portabales abre o programa este venres falando do 'Que me queres amor?' de Manuel Rivas
A escritora Arantza Portabales será a primeira en participar no ciclo
A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura en Santiago acollerá desde este venres e ata outubro un novo ciclo de relatorios no que dez escritores compartirán co público as súas experiencias e influencias literarias sobre un libro da literatura galega que marcase a súa traxectoria. O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, enmárcase nos actos do décimo aniversario da Biblioteca que está a organizar a Xunta de Galicia durante este ano. O obxectivo da iniciativa non se centrará na obra dos autores, senón doutras obras singulares da literatura galega que marcasen o seu traballo como lectores e tamén como creadores. A primeira xornada, este venres ás 19,00 horas no auditorio Neira Vilas, correrá a cargo da escritora Arantza Portabales (Donosti, 1973), autora de Beleza vermella(Ed. Galaxia, 2019), que falará, entre outros temas, da pegada que tivo na súa traxectoria persoal e literaria a obra de Manuel Rivas Que me queres amor? (Ed. Galaxia, 1995). Na súa aproximación a esta obra de gran sensibilidade e imaxinación, Arantza Portabales estará acompañada da xornalista Susana Pedreira, coa que levará a cabo unha conversa.

Os seguintes participantes serán a escritora Ledicia Costas (venres 23 de abril), Domingo Villar (4 de xuño), María Solar (18 de xuño) e María Canosa (2 de xullo). A iniciativa continuará nos meses de setembro e outubro. Todos os relatorios celébranse ás 19,00 horas, contan con entrada de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura e teñen aforo limitado a 27 persoas. Tamén serán transmitidas en directo na canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Outras actividades na conmemoración
O programa de actos cos que se está a conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca inclúe exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán, a partir de novembro, ou a homenaxeada nas Letras Galegas Xela Arias. Entre outras actividades, o Goberno autonómico tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, visitable a partir do mes de outubro. Trátase dunha mostra para coñecer de preto o labor e o rico patrimonio bibliográfico que atesoura que inclúe o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, así como o legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia forman parte dos fondos abertos a toda a cidadanía.