Investigan a factoría romana da illa de Ons

O proxecto tentará comprender como a erosión mariña está afectando ao xacemento

O proxecto tentará comprender como a erosión mariña está afectando ao xacemento
Foto: Universidade de Vigo
Desde hai moito tempo é coñecida a existencia dunha factoría de salga romana na praia de Canexol da Illa de Ons (Bueu), pero ata agora o xacemento nunca fora intervido arqueoloxicamente. Desde onte e ata o 9 de abril, un equipo de arqueólogos do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, dirixidos por Adolfo Fernández, están a efectuar unha prospección intensiva sobre este xacemento arqueolóxico, que se estende por uns cen metros do cantil da praia de Ons. No corte do cantil pódense apreciar dous depósitos de salgadura. "A entidade dos restos e a súa amplitude fannos pensar que ademais da fábrica de salgadura poderían existir outras edificacións anexas que puideron servir de zona habitacional, sen descartar que o castro ou Castelo dos Mouros, situado a poucos metros do xacemento, fose o lugar onde habitaron as persoas que traballaban nesta unidade fabril”. A intervención consistirá na documentación do xacemento, a comprensión de como afecta a dinámica erosiva mariña aos restos e en sondaxes exploratorias do espazo. A acción está enmarcada dentro dun "estudo global sobre a produción de salgas de peixe en época romana”, dentro do proxecto de investigación Galfish, financiado pola Unión Europea. Neste marco tamén se interviu nas factorías romanas de Sobreira (Vigo), Adro Vello (O Grove) e praia do Naso (iIla de Arousa).

Ligazóns