Parar no cruce dos camiños

Roteiros estrea unha proposta de itinerarios para coñecer os cruceiros galegos

Roteiros estrea unha proposta de itinerarios para coñecer os cruceiros galegos
Cruceiro da Graña. Foto: Fernando Arribas
"Cantos cruceiros existen en Galicia?", preguntámoslle a Fernando Arribas, presidente da Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas, e un veterano perseguidor de cruceiros por todo o país desde hai décadas. "Xa me gustaría a min sabelo!", contesta el, mentres apura unha cifra estimativa: uns 10.000. A cifra redonda revela a densa presenza destes monumentos por todo o país. "Son unha icona da nosa cultura. Aínda que existen noutros lugares, se vemos unha imaxe dun cruceiro sempre o asociaremos a Galicia", suliña Fernando Arribas.

Ese elevado número agacha tamén unha gran diversidade de tipos, de representacións, de diferentes estilos ou incluso de estar presentes no territorio. Bastante por baixo deses 10.000 calculados pero "cunha gran representatividade", o Consello da Cultura Galega presentou hoxe á mañá unha proposta de trinta itinerarios na procura de cruceiros por toda Galicia, realizados pola asociación e difundidos a través da plataforma Roteiros de culturagalega.gal. Os itinerarios publicaranse os segundos xoves de cada mes ata 2022 e irán propoñendo visitas por diferentes comarcas da xeografía galega, percorrendo as catro provincias. En total, uns 150 cruceiros nos que se resumirá a gran variedade tipolóxica dos monumentos e se explicará a súa simboloxía e orixes. O primeiro roteiro, xa publicado, é mesmo unha declaración de intencións: un itinerario por catro calvarios da Terra Cha, que é a comarca con maior número destes cruceiros na provincia de Lugo e pouco frecuentes no conxunto total de cruceiros do país.

Un patrimonio sen atención

Segundo Fernando Arribas, "as autoridades non lles prestan moita atención aos cruceiros". Como mostra, sinalou que a pesar de que están declarados xenericamente como Ben de Interese Cultural (BIC) "non están inscritos no rexistro da Xunta de BICs, o cal non acontece con outros BICs como catedrais ou igrexas". Arribas tamén é crítico coa propio concepto de cruceiro protexido dentro do decreto de declaración BIC: "Só entran dentro da categoría os cruceiros anteriores a 1901, pero os que nos dedicamos a isto sabemos que hai cruceiros de gran valor histórico e artístico posteriores a esa data. Non entendemos a arbitrariedade dese corte".

Nunha conversa con Fernando Arribas saen con frecuencia os problemas vinculados á xestión deste inmenso patrimonio. "Por parte dos concellos, atopámonos con que moitos dos plans xerais de ordenación municipal non recollen os cruceiros", indica. É precisamente pola dispersión destes cruceiros polo territorio, e moitas veces a súa ubicación en encrucilladas, o principal problema para a súa conservación. "A maquinaria agraria é unha das principais causantes das afeccións aos cruceiros, pero tamén o vento. Cando hai unha cicloxénese explosiva sempre penso que cruceiro virá abaixo", sinala graficamente Arribas.

A asociación reúne a unha significativa parte dos investigadores de cruceiros en Galicia, un mundo no que existe moi pouca presenza da academia e si numerosos afeccionados que peneiran o territorio na procura de todas estas cruces de pedra, e no que se dan continuos debates. "Nestes momentos, por exemplo, estamos comezando a estudar as cruces de mármore ubicadas no exterior das igrexas e que son testemuñas das misións do século XX". Todo este inxente coñecemento reúnese en voluminosas actas de congresos cheos de información minuciosa e descritiva dos monumentos, así como a publicación de documentación, catálogos, información sobre as autorías ou mesmo de achados de petróglifos de cruces de marco. Un mundo de información que pouco a pouco se vai incorporando tamén á rede.

Un recambio

"O que botamos de menos é o recambio xeracional", sinala Arribas, quen con 63 anos é o membro máis novo da directiva e está desexando xubilarse para dedicar o maior tempo posible á tarefa de documentar e investigar máis cruceiros. "Antes centrábame na descrición formal, pero agora, cada vez máis, procuro a historia da súa construción", sinala, e iso significa investir aínda moito máis tempo. Todo un mundo por rastrexar nos arquivos e na tradición oral, no que hai asasinatos e crimes, expiacións de culpas e penas, protección contra as pestes ou simplemente a devoción das familias poderosas das comarcas.

Polo de contado, os vellos cruces de camiños nos que se ubicaban os cruceiros viaxan agora á rede para axudar a nos parar diante dos cruceiros e tentar entender o seu significado. Porque ademais de paisaxe, os cruceiros contan historias.