Adolfo Caamaño Vázquez faise co Premio Modesto R. Figueiredo de Narración Curta

O xurado recoñeceu a obra Derradeiras paisaxes do Conde

Derradeiras paisaxes do Conde é o título da novela coa que Adolfo Caamaño Vázquez se fixo coa 46 edición do Premio Modesto R. Figueiredo de Narración Curta. O xurado fallou este 6 de marzo o certame a recoñecer a "proposta orixinal" da obra "e por abordar un relato histórico xa coñecido dende unha perspectiva inédita". No fallo, o comité destaca que o traballo é "unha metáfora da decadencia" na que o autor desenvolveu un importante labor de documentación. O gañador recibirá un premio de mil euros en metálico e recibirá o galardón nun acto previsto para o vindeiro mes de maio. A Fundación Pedrón de Ouro convoca co apoio do Concello de Silleda este histórico certame que recibiu un total de 75 traballos nesta última xeira.


O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, Estíbaliz Espinosa, Ana Cabaleiro, Agustín Agra, Rubén Eiré e David Otero, recoñeceron tamén con cadanseu accésit os relatos Progresión en escala menor de Esteban Brea Castro e mais Áncora de Antonio Piñeiro.