A Cidade da Cultura acolle un viveiro anual de proxectos culturais

O programa REGA pon instalacións e recursos ao servizo de cinco diferentes residencias artísticas que engloban música, escena, danza, literatura e artes visuais

O programa REGA pon instalacións e recursos ao servizo de cinco diferentes residencias artísticas que engloban música, escena, danza, literatura e artes visuais
Acto de presentación de REGA Fonte: Xunta de Galicia
A Secretaría xeral de Cultura da Xunta de Galicia ven de presentar na Cidade da Cultura o programa 'REGA: Residencias artísticas no Gaiás'. Grazas a esta iniciativa que dá un xiro ao uso destas instalacións públicas para a comunidade artística, póñense os espazos, recursos e equipos técnicos deste equipamento ao servizo de creadores para desenvolver proxectos culturais vencellados coa música, escena, danza e artes performativas, literatura e artes visuais. Na REGA a Cidade da Cultura colabora con institucións e colectivos culturais para consolidar o Gaiás como viveiro cultural creativo. A primeira destas residencias xa se coñecía posto que está vencellada ás Residencias Paraíso de artes do movemento, organizadas colectivo RPM e estaba contemplada na convocatoria destas, aínda non resolta.

As primeiras residencias xa en marcha son Clásicas desfeitas, unha coprodución escénica e musical co Centro Dramático Galego (CDG), e RESIS, vencellada coa danza e co audiovisual e que conta coa colaboración do colectivo cultural AÏS. As Clásicas desfeitas supoñen unha aposta para incentivar a creación e o traballo dunha trintena de músicos, artistas e técnicos da escena, a partir da adaptación de textos clásicos coñecidos e a través da coprodución do Centro Dramático Galego (CDG). Neste caso, o resultado creativo final, ao concluír as residencias, darase a coñecer ao público en catro presentacións. Deste xeito, os días 13 e 14 representarase nas Torres Hejduk o Volume I no que a compañía Nononon Lab adaptará textos de Prometeo, Fausto e Frankenstein. Ademais, o 21 de marzo o pianista e compositor Pablo Seoane dirixirá o Volume II, que baixo o título de Phármakon aglutinará relatos de Antígona, Medea e As Bacantes. Por último, o 28 de marzo Gena Baamonde, Rut Balbís e Manu Lago poranse ao fronte do Volume III baseado en fragmentos de Orlando, A consagración da primavera e O mito de Sísifo.

Outra das residencias que xa está en marcha desde esta semana é RESIS, que se fai en colaboración co colectivo AÏS. Nela, a creadora visual Verónica Vicente xunto a performers e á compositora Macarena Montesinos están a gravar estes días unha peza de videoarte. Esta creación audiovisual será presentada no RESIS Festival, certame anual de música contemporánea e artes vivas, que se celebra na Coruña en maio, e tamén poderá verse dentro da programación do Día dos Museos 2021 do Gaiás, que se festexa nese mesmo mes.

Tres residencias de verán
Seguiranlle no verán a Residencia literaria, dirixida polo escritor e director do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, Javier Peña, e comezarán aí as Residencias Paraíso. Completan este novo programa as Residencias CHARCO, vencelladas coa arte contemporánea e co colectivo cultural do mesmo nome que procura nas súas accións o intercambio creativo entre artistas dos dous lados do Atlántico. Toda elas foron presentadas hoxe nun acto no que, ademais de Anxo M. Lorenzo e Jacobo Sutil, tamén estiveron representantes das institucións e entidades implicadas nas REGA 2021: Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego (CDG); Félix Fernández e Susana González, dos colectivos RPM e CHARCO, respectivamente; Hugo Gómez Chao, da asociación cultural AÏS e director artístico do Festival de música contemporánea Resis; e o escritor Javier Peña.