Un ano despois da súa presentación, a revista Inviable continúa a súa andaina sen baixar o ritmo e chega á décima segunda entrega. A "Revista da ourensanía oculta e alén" que realiza a "Xeración Illada" conta neste número con colaboracións especiais a cargo de Baldo Ramos, Mercedes Queixas Zas e Xavier Queipo que se suman a nomes coma Iván Fernández Pérez e Francisco Álvarez Koki, xa habituais. Creación poética, artigos sobre literatura pulp e de ciencia ficción ou cinema galego de emigración, memorias e textos literarios fan parte da entrega, que recolle ademais un repaso polos principios fundacionais da cabeceira e o seu cumprimento logo do primeiro ano de existencia.