A RAG presenta a Primavera das Letras dedicada a Xela Arias

O web presentouse no colexio de Vigo onde estudou a homenaxeada co Día das Letras

O CEIP Sárdoma-Moledo, en Vigo, acollía na mañá deste 2 de marzo a presentación do proxecto educativo Primavera das Letras. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, daba a coñecer no colexio onde estudou Xela Arias o web e a iniciativa didáctica sobre a homenaxeada no Día das Letras para alumnado de infantil e primaria. O espazo na rede recolle diferentes guías didácticas, recursos, xogos e información para achegar a figura desta autora ao público máis novo. O acto contou coa presenza da familia da creadora e incluíu a descuberta dunha placa de lembranza. A RAG desenvolve esta iniciativa co apoio da Deputación da Coruña.