Anxo Angueira recunca na presidencia da Fundación Rosalía de Castro

A entidade outorgoulle o Premio Baltar Feijóo á obra As orixes da fotografía en Galicia

Anxo Angueira. Fotografía de Xurxo Lobato.
Anxo Angueira. Fotografía de Xurxo Lobato.
O plenario da Fundación Rosalía de Castro renovou este 17 de decembro a súa confianza en Anxo Angueira Viturro como presidente desta institución. O profesor da Universidade de Vigo ocupará o cargo durante catro anos máis, ao imporse por unanimidade nunha votación na que era o único candidato. Canda a el, formarán a directiva da entidade Ana Blanco como vicepresidenta, Xosé Carlos Beiró como secretario, Xosé García Lapido como tesoureiro e como vocais Xosé Luís Axeitos, María López Sández e Chus Pato.

No encontro ademais fíxose repaso da actividade da Fundación, na que destaca un incremento de visitas á Casa-Museo dun 260% desde 2012, cando Angueira accedeu á presidencia. No mesmo período a Fundación pasou dunha taxa de autofinanciamento do 20% en 2012 a un 45% en 2019 e incrementáronse os proxectos e as actividades desenvolvidas.

O pasado 11 de decembro, a entidade daba a coñecer o fallo do II Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo. O xurado do galardón outorgou este recoñecemento ao traballo As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do XIX, publicado por Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago en 2019. A obra está considerada como a máis destacada dos últimos dous anos dedicada ao estudo do período histórico relativo ao fondo documental que a familia Baltar García-Peñuela depositou na Fundación Rosalía.

O fallo destaca deste traballo de Carlos Carlos Castelao, que "exhuma unha serie de datos que non coñeciamos sobre a fotografía en Galicia e faino dun xeito ameno e áxil que combina a investigación coa comunicación". Xosé Luís Axeitos, Francisco Prado Vilar, Lydia Fontoira, Ernesto Baltar, canda a Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, presidente e secretario da Fundación Rosalía respectivamente.