Demo Editorial presenta tres novidades de BD galega neste outono

As pombas de Carboeiro, Friaxe e Bo tempo incorpóranse ao catálogo da firma

Están xa a chegar ás librarías os tres lanzamentos de banda deseñada que realizou Demo Editorial esta outono. A firma coruñesa presenta As pombas de Carboeiro, obra que adapta a montaxe teatral homónima de Fantoches Baj. Guión de Inacio Vilariño e deseños de Iván Suárez dan forma a esta obra de 64 páxinas a toda cor que narra unha historia medieval a partir das cartas do Tarot. O volume inclúe ademais un CD coa banda sonora composta por Benxa Otero para a historia e interpretada pola Banda de Música de Lalín.





Friaxe é o título dun proxecto que mestura poesía e BD da man do debutante Raposa (Antonio Raposo) e mais da poeta Yolanda Castaño. Os Himnos á Noite de Novalis, traducidos por esta autora, serven de base para unha obra de ciencia ficción experimental de 72 páxinas a branco e negro.

Finalmente, noutro debut, o ilustrador Alberto Díaz estréase como creador de novela gráfica con Bo tempo. A obra repasa a vida de Reimundo Patiño, un dos pioneiros da BD galega, ademais de amosar apropia relación do protagonista co autor. A obra, segundo a editora "reconstrúe pouco a pouco o gran crebacabezas que era Patiño, para amosarnos un retrato do máis humano, desde os actos ata os pensamentos" nun total 104 páxinas a cor cun prólogo de Xaquín Marín.