A Biblioteca Provincial de Ourense acolle o arquivo persoal e fondos bibliográficos de Xosé Fernández Ferreiro

Máis de 6.000 volumes compoñen esta valiosa entrega feita por Francisco Xosé Fernández Naval coma testamenteiro

25/11/2020 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
9 lecturas | Compartido 0 veces

Capa de 'Ulcis' (Eds. Xerais), libro póstumo de Fernández Ferreiro

A Deputación de Ourense acollerá o arquivo persoal e a biblioteca –con máis de 6.000 volumes- de Xosé Fernández Ferreiro, escritor e xornalista nacido en Espartedo (Nogueira de Ramuín), académico da Real Academia Galega, falecido en 2015. Toda esta documentación formará parte dos fondos da Deputación de Ourense, arquivados na Biblioteca provincial. A este acordo chegaron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o escritor Francisco Xosé Fernández Naval, testamenteiro do autor de A morte dun afiador ou Agosto do 36; e tamén no que atinxe á reivindicación do seu legado e traxectoria profesional e persoal, con diferentes iniciativas nas que xa se está a traballar, como un roteiro literario en Nogueira de Ramuín, concello no que gran parte da súa toponimia atópase na obra do autor.
Na recepción desta doazón o presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, salientou "o compromiso con Galicia de Fernández Ferreiro, deixándonos unha ampla obra na nosa lingua, destacando o seu traballo como narrador, con quince novelas e un libro de relatos, sen dúbida un dos escritores galegos que máis e mellor traballaron este xénero literario". Xustamente a editorial Xerais ven de publicar a obra póstuma de Xosé Fernández Ferreiro, Ulcis contando coa edición editorial do propio Francisco Xosé Fernández Naval, que asina o epílogo, e limiar de Xosé Luis Méndez Ferrín. Fernández Ferreiro comezou a deseñar o personaxe de Ulcis entre 1958 e 1963 e traballou nel ao longo de toda a vida ata os últimos días e que deu por rematado no outono de 2015. Ferrín, di no limiar deste libro: "Era o Fernández Ferreiro que estabamos esperando con sede nóntida".
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal