A editorial Rinoceronte Editora, unha referencia da tradución ao galego de obras orixinais de outros idiomas desde 2005, ven de abrir de balde ao uso público un recurso lingüístico en liña de gran utilidade. A través da páxina web da editorial calquera usuario poderá consultar un dicionario castelán-galego que inclúe ademais sinónimos, fraseoloxía e topónimos. Esta ferramenta de doado acceso parte da documentación de uso interno deste proxecto editorial dirixido por Moisés Rodríguez Barcia que leva 15 anos aumentando o catálogo da literatura en galego grazas a un equipo de tradutores profesionais, especialistas en diversos idiomas. Segundo o director da editorial confirmou a través da súa conta de Twitter, a base deste recurso está no seu traballo coa tradución de libros de texto e tamén no Superdicionario editado por eles mesmos co selo Morgante en 2012 e que xa bebía doutras fontes coma as consultas a Termigal, o VOLGA e o dicionario Castelán-Galego editado pola Real Academia Galega en 2005. Se aquel Superdicionario contaba con 27.000 artigos, 17.000 locucións e 2.500 topónimos, o responsable da editorial Rinoceronte asegura que este novo recurso está ampliado e mellorado, co que constitúe non só o único en liña e aberto a todo o mundo da súa natureza senón a máis completa ferramenta para a consulta de dúbidas na translación do galego ao castelán que existe actualmente. Ademais os responsables da editorial xa aseguran a súa vontade de mantelo vivo e melloralo tomando en conta as achegas e consideracións dos usuarios.