150 embarcacións tradicionais reúnense na Illa de Arousa nos VI Encontros de Embarcacións Tradicionais

A memoria dos ventos salgados

Mirar a ría de Arousa esta fin de semana desde un monte era ver o mar inzado de velas de liño. Foron 150 embarcacións construídas a partir da sabedoría dos vellos mariñeiros nun evento que reúne a galegos e portugeses arredor dun obxectivo: a recuperación da cultura mariñeira no VI Encontro de Embarcacións Tradicionais.

Nos últimos anos, diferentes estaleiros das rías están a pór a flote galeóns, dornas xeiteiras, botes de xávega ou traíñas. Campionatos e competicións permiten explorar as condicións para a navegación deportiva dos barcos. Pero, sobre todo, trátase da revisión e da investigación do esquecido patrimonio da cultura marítima do país. Esta fin de semana pasada, a Illa de Arousa acolleu os VI Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia. As velas de liño volveron encher os ventos da Arousa.



A Federación Galega pola Cultura Marítima naceu no ano 1993 co obxectivo de defender e divulgar o patrimonio marítimo de Galicia. O obxectivo era fomentar o asociacionismo cultural nos portos do país, que ata o momento só existía de forma illada nalgunhas vilas mariñeiras. Unha óptica moito máis interesada polo pasado das propias vilas, a creación de competicións deportivas oficiais dentro da Federación Galega de Vela –como foi o caso da dorna– e a confluencia de intereses turísticos e culturais axudaron á potenciación dos estudios sobre cultura marítima.



Un perfil que avanza

Deste xeito naceron no ano 1993 os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Os Encontros son unha mestura de eventos lúdicos, deportivos, de investigación e mesmo gastronómicos, dirixidas a un amplo abano de poboación. En xeral, o perfil da asociación organizadora adoita orientar a posición das xornadas. Os primeiros Encontros celebráronse na localidade barbanzesa de Ribeira, no marco da famosa Festa da Dorna. Unha vintena de asociacións e a participación portuguesa permitiron a presentación de iniciativas de recuperación de botes e lanchas. Logo seguiron as de Coruxo (Vigo) no 1995, centradas na pesca tradicional e na industria conserveira. Nas do Grove do 97, o obxectivo foi a divulgación do medio marítimo. En Rianxo, no 99, os participantes construíron no obradoiro de carpintería de ribeira unha lancha xeiteira, empregada antigamente para a pesca da sardiña. Poio, no 2001, supuxo un dos maiores éxitos de público do Encontro.




A dorna da Arousa

Este ano, foi a Asociación Cultural Dorna a encargada de organizar o evento na Illa de Arousa. Esta asociación cultural é un exemplo de vitalidade e na actualidade conta con máis de 700 socios. A programación deste ano afonda tamén nas peculiaridades locais da cultura marítima nun dos concellos que preserva con máis forza a cultura mariñeira. Neste ano, as xornadas presentan experiencias e debaten sobre situacións de sectores profesionais vinculados ao sector das embarcacións tradicionais. Neste caso, sobre a situación profesional dos carpinteiros de ribeira, ou alentando no futuro, sobre a problemática da industria da acuicultura. Tamén se abordaron cuestións relativas á preservación do patrimonio, mediante xornadas sobre a organización dos museos do mar na Península Ibérica.



A combinación de eventos lúdicos e de investigación ou documentación acadou este ano un especial interese, coa interpretación de cantigas de mar e de taberna, botaduras de novas embarcacións ou xornadas sobre a gastronomía da ría de Arousa. O mar da Arousa volveu escoitar o rinchar dos cabos e as chanzas entre os mariñeiros empurrados polos ventos salgados do Atlántico.