A Cátedra Carvalho Calero potenciará o estudo da literatura galega contemporánea na USC

O espazo inauguraba oficialmente este 23 de setembro a súa actividade

Cartel da presentación da Cátedra Ricarco Carvalho Calero
Cartel da presentación da Cátedra Ricarco Carvalho Calero
O profesor de Literaturas Lusófonas Carlos Quiroga dirixe a nova Cátedra Institucional Carvalho Calero, que se inauguraba oficialmente este 23 de setembro. A Universidade de Santiago abre este espazo de investigación que pretende seguir as liñas de estudo de quen foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC.

Segundo explica a USC, a cátedra estará centrada "na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea". Entre os seus cometidos están "a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea, en continuidade coas directrices do seu patrocinador intelectual, potenciando así o interese pola lectura e a escritura en galego, apoiando a nova creación, e estando atenta á análise das ideas sobre a Literatura e Cultura actuais, co desenvolvemento de modelos de innovación en educación, investigación e divulgación científica e cultural".

Segundo sinalou Quiroga no acto de inauguración, "a cátedra que hoxe inauguramos vai tentar pór lucidez na figura de don Ricardo, un persoeiro inxustamente tratado, que foi molesto para boa parte do galeguismo". Dentro das tarefas que abordará o espazo está a análise en profundidade da biblioteca e arquivo do autor, en custodia do Parlamento galego. Canda a isto, a cátedra "porá tamén énfase nos seus valores e achegarase ao tecido asociativo cultural e educativo, co que buscará relacións estables".

Entre as primeiras accións da Cátedra está a creación do o Prémio CarValho que rcoñecerá anualmente "obras individuais ou colectivas, e mesmo persoas ou entidades e empresas, que contribúan ao coñecemento da produción intelectual, pensamento, valores e personalidade de Carvalho Calero así como promover ou reforzar as relacións de Galicia cos países de lingua portuguesa". O galardón contará con modalidades para traballos fin de grado e fin de mestrado, teses de doutoramento e mais libros inéditos de creación, ademais dunha mención de honra destinada a entidades, empresas ou personalidades. O prazo de presentación de propostas está aberto ata finais do vindeiro mes de outubro.

No acto inaugural entregóuselle ao público asistente o mini-libro Carvalho en Castelao que recolle consta de catro artigos do catedrático publicados orixinalmente en La Voz de Galicia e que inaugura os Cadernos da Cátedra Carvalho Calero, série 4C.

A cátedra nace ao abeiro do convenio que asinou a USC co Parlamento e a Xunta de Galicia para crear catro cátedras dedicadas a outros tantos referentes das letras galegas. Otero Pedrayo, Castelao e Rosalía de Castro son os outros homenaxeados con esta iniciativa.