Nace en Lugo unha cátedra institucional de Xestión Cultural

A Xunta financia con 24.000 euros este novo departamento da Facultade de Humanidades

16/1/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: educacionpoliticas culturais
220 lecturas | Compartido 0 veces
Un convenio entre a Consellería de Cultura e a Universidade de Santiago de Compostela dará pé á creación dunha cátedra institucional de Xestión Cultural. Segundo recolle El Progreso, a Facultade de Humanidades do campus de Lugo acollerá o novo espazo de investigación, que contará cun financiamento anual de 25.000 euros achegados polo Goberno Galego.
A dirección da cátedra estará compartida entre o actual decano de Humanidades, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, e a responsable do departamento de Pedagoxía e Didáctica María Dolores Fernández. Como obxectivos, este espazo terá "a realización de actividades de formación, creación cultural e artística, promoción da investigación e innovación, así como a divulgación e transferencia de coñecementos na área cultural".

Para o seu primeiro ano de actividade, segundo informa o xornal lugués, a nova entidade dedicará boa parte da súa actividade á promover o Arde Lucus, cunha exposición que conmemorará os 25 anos desta festa de recreación histórica e unha mesa redonda, para o que contará con 14.400 euros. Un informe sobre o impacto do sector cultural na economía sustentable, a convocatoria dun premio de xestión cultural e a posta en marcha de espazos na rede completan as propostas para 2026. De cara ao 2027, a actividade centrarase na publicación dun monográfico, unha segunda edición do galardón e unha mesa sobre "Arte, educación e benestar".

Universo culturagalega.gal