Luz verde para a Facultade de Deseño e Creación en Pontevedra

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou o inicio do expediente de creación

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo ven de aprobar por asentimento o inicio do expediente de creación da Facultade de Deseño e Creación. Este paso administrativo recibiu o apoio unánime dos integrantes do órgano de goberno universitario. A nova facultade, que terá a súa sede en Belas Artes, acollerá ademais do futuro Grao en Deseño e Creación, o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que xa está a impartir no centro. Previamente á aprobación do inicio do expediente de creación da facultade, os membros do Consello de Goberno deran luz verde á elaboración da memoria xustificativa e da memoria para a solicitude de verificación do Grao en Deseño e Creación, un traballo que deberá desenvolver unha xunta de titulación nomeada hoxe e que estará presidida polo docente da Facultade de Belas Artes Marcos Dopico como decano comisario. O reitor reiterou a importancia do grao para o campus de Pontevedra, ao tempo que aínda se amosou esperanzado e disposto a seguir a traballar "por se fose posible facer unha converxencia que nos permitise que o novo grao tivese cabida en Belas Artes. Se fose posible facer unha converxencia fariámola, pero temos que ser previsores", dixo Reigosa, segundo recolle o DUVI.

Pola súa banda, a decana en funcións da Facultade de Belas Artes, Silvia García, asegurou na sesión que a creación da nova facultade "é unha oportunidade a medio prazo para medrar", así como “unha vía positiva para superar os conflitos internos”. García agradeceu o traballo de negociación realizado polo equipo de goberno, así como o apoio manifestado polo concello de Pontevedra á nova facultade. A posibilidade da implantación de Deseño como un grao máis da Facultade de Belas Artes tivo oposición interna entre os docentes dese centro. En relación co proceso de creación da nova facultade o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, lembrou que "é un procedemento complexo que levará bastante tempo", posto que despois do trámite de hoxe, o inicio do expediente remitirase ao Consello Social que se celebra mañá e que emitirá un informe ao respecto, para logo ir ao Claustro, que tamén emitirá un informe e regresar a Consello de Goberno, onde será aprobado. Posteriormente remitirase ao Consello Galego de Universidades e a continuación será a Xunta de Galicia quen teña que aprobalo.
Ligazóns