O 34 FIOT acollerá a estrea de once espectáculos galegos

O festival de Carballo comeza este xoves e ofrece un punto de partida a estas producións

Coa apertura este xoves do FIOT na súa 34ª edición Carballo será o espazo de estrea absoluta dunha ducia de espectáculos da escena galega nas vindeiras semanas. A cita convértese así nun anticipo outonal da temporada teatral con algunhas das montaxes máis destacadas que despois poderán verse por toda Galicia e fóra das nosas fronteiras. O 'Territorio Regueifa' será sen dúbida unha desas pezas destacadas, chegando da man da compañía Ainé, produtora dirixida por Xosé Antonio Touriñán. O espectáculo, que se fai en coprodución co FIOT, combina o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres recoñecidos regueifeiros e músicos - Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira- traen á escena unha forma moi nosa de humor e crítica social, achegando ao público de hoxe a historia, o oficio, e o mundo desta ancestral expresión cultural. A montaxe terá a súa estrea absoluta o venres 3 de outubro. Outra destacada, que neste caso xa chega con estrea previa noutros escenarios españois é 'Yo solo quiero irme a Francia', a peza en castelán de Contraproducións Teatro protagonizada por María Galiana, con Nieves de Medina, Alicia Armenteros e Ledicia Sola que se estreará en Galicia o 25 de outubro.

Xa nos formatos de espectáculos de monólogo ou nos micro-formatos é onde atopamos o resto das estreas absolutas galegas que ofrece o programa deste 34 FIOT. Será dentro da sección Rúa dos Contos onde poderemos asistir a tres novidades escénicas, comezando este mesmo xoves co coñecido cómico e actor Pepo Suevos con 'A xira do cuarto de século. Aventura 2012', un espectáculo de máis dunha hora no que dá conta do seu percorrido no mundo da comedia, con anécdotas, historias e verdades como puños, onde o teatro, a vida e a risa mestúranse coma o viño e a ghaseosa: entra fácil e queda fondo. Seguiralle o venres o lucense Lois Pérez con 'Da vara e máis da besta' no que Pérez xunta os versos dos seus poemarios con algunhas historias urbanas e contos chairegos e universais, prendendo a guitarra eléctrica ao amplificador para metelos ao trillo. A terceira desta estras absolutas nesa Rúa dos Contos chegará este mesmo sábado, 27 de setembro, coa chairega Marita Martínez presentando o seu espectáculo 'Contadiña' no que trae historias propias e alleas, contadas con moito ritmo, retranca e humor fresco.

O Metro cadrado de estreas galegas
É na sección Micro-escenas M², de formatos reducidos e adaptados a espazos fóra do habitual, na que o programa está composto totalmente por estreas de produción galega. Así en 'Gracias por su visita' Uxía Algarra mestura o teatro de obxectos co teatriño tradicional de monicreques nun espazo escénico no que tamén é personaxe: o Café-Bar Paraíso. Con 'O novo', Dani Blanco chega a unha residencia de maiores que será parte da súa historia inspirada nun feito real acontecido nos Países Baixos, alí conxuga o clown coa emoción, a poesía coa risa, para ofrecer unha peza íntima, sobre a convivencia, a escolla e o que significa realmente vivir acompañadas. Coa performance 'Só son unha moza con rabia', Silvia Bátega monta un pic-nic no parque e convida ao público a tomar parte desta situación que funde cerámica e bordado, tradición e ruptura, memoria e creación. Cada pase xera unha peza única, resultado do azar controlado e da interacción entre materiais e narrativas femininas. A interacción tamén está na base da estrea de 'Alicia wants to', de Bengala Teatro Físico, unha historia de exclusión, violencia institucional e resistencia na que o público ten que tomar decisións para levar a trama escollendo diferentes opcións.

' Covers²' de Corifeo Teatro mergúllanos nunha comedia tráxica sobre a despersonalización, a soidade e os límites da representación social. Nesta versión especialmente creada para Metro Cadrado, o público convértese nun comensal máis dunha cea de aniversario dunha parella, que parece normal pero non o é. Ela non é ela, é unha cover. Unha substituta enviada por unha empresa que ofrece persoas para cubrir eventos sociais no lugar dos seus clientes. O programa destas Micro-escenas complétase cunha peza de danza e oralidade, 'Domitila', de Amparo Martínez. Domitila soñaba con aprender a tocar a guitarra. Bailaba soa nas festas da aldea. Escoitaba, sentía, resistía. Unha muller galega que viviu perseguida por apoiar a guerrilla republicana. Unha vida rota pola guerra, mais tamén tecida de arte, afectos e liberdade interior. Domitila é unha homenaxe escénica á súa memoria e á de tantas outras mulleres silenciadas. Unha proposta que nace do relato oral e da emoción, e que toma forma escénica para lembrar, advertir e resistir desde o artístico.

As estreas da escena galega no festival carballés complétanse coa peza 'Berenguela na gaiola' de Galeatro e Xarope Tulú , que poderá verse dentro da sección Fiotiño dedicada a espectáculos infantís. Será este sábado 27 de setembro que terá a súa presentación esta montaxe sobre un texto que gañou a cuarta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e para o que contan coa dramaturga e directora Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática. Ambas compañías están comprometidas con linguaxes escénicas diversas dirixidas á infancia e tamén coa narración e o teatro de obxectos. O FIOT colabora coa creación como coprodutor, xunto á Casa-Museo Manuel María e ao Centro Dramático Galego.Alba Bermúdez, Tone Martínez e Atenea García estarán sobre as táboas.