Redrum volve poñer o foco na vulnerabilidade infantil con 'O pequeno poni'

A compañía estrea hoxe a súa nova montaxe no marco do FIOT de Carballo

Un retrato escénico contra o acoso escolar e contra a homofobia que procura brindarlle ao público unha reflexión a prol tanto da empatía coma da aceptación da diversidade. Ese é o resumo apurado da que será a 17º montaxe teatral de Redrum Teatro: 'O pequeno poni'. A compañía estreara hoxe no marco da FIOT de Carballo este novo espectáculo que, dirixido e adaptado por Alex Sampayo, traerá ao galego este texto do dramaturgo Paco Bezerra (Almería, 1978). O Pazo da Cultura de Carballo, acolle hoxe a estrea e a obra representarase posteriormente o 15 de outubro no Teatro Principal de Ourense e os días 26 e 27 dese mesmo mes no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Con 'O pequeno poni', Redrum Teatro volve escoller un texto que pon o foco na cativada e na súa vulnerabilidade fronte aos diversos perigos que padecen os menores no seo dunha sociedade incapaz de brindarlles unha protección firme. Se en Hamelin (anterior montaxe da compañía que continúa na actualidade a xirar polos escenarios) o punto de mira se sitúa nos abusos sexuais grazas ao célebre texto escrito por Juan Mayorga en 2005, agora en 'O pequeno poni' Redrum dirixe as miradas ao acoso escolar cun texto do que emana unha mensaxe en defensa dos dereitos LGTBI+ nos contextos da intolerancia na contorna educativa e mais da incomprensión familiar.



'O pequeno poni' preséntanos a Xaime (Guillermo Carbajo) e mais Irene (Laura Míguez), unha parella cuxo fillo de nove anos, Luismi, vai á escola cunha mochila da súa serie de debuxos preferida: O meu pequeno poni. Algo tan inocente esperta as mofas, vexacións e a violencia máis brutal dos seus compañeiros. A incomprensión, as dúbidas e a frustración que afrontan estes pais, xunto á pasividade, aos prexuízos e mesmo á culpabilización da vítima coas que opera o sistema educativo, constitúen os piares nos que se sustenta esta obra. Unha obra que leva a escena un retrato necesario sobre o acoso escolar, o enorme sufrimento que se deriva del e as súas consecuencias, tanto individuais como colectivas. A montaxe completa o seu equipo artístico co traballo de Carlos Álvarez-Ossorio na iluminación, de Fernando Epelde á fronte do espazo sonoro e de David Fidalgo como responsable das animacións que acompañarán en escena ao espectáculo.

O dramaturgo Paco Bezerra escribiu este texto en 2016 a raíz de diferentes noticias que xurdiron nos medios nos Estados Unidos. En concreto, o caso no que máis se inspirou o autor foi o de Grayson Bruce, un neno de 9 anos de Carolina do Norte que acudiu cunha mochila da xa amentada serie á escola. Non chegou a sentar no seu pupitre por mor dos ataques físicos e verbais dos seus compañeiros. A dirección do centro decidiu 'actuar' ante a situación: culpabilizou o menor agredido e acusouno de "disrupción na aula".
Ligazóns