A RAG recoñece o traballo a prol do galego na infancia cun novo galardón

O CEIP Milladoiro de Malpica recibirá o O I Premio Na lingua que eu falo

O CEIP Milladoiro de Malpica recibirá o O I Premio <i>Na lingua que eu falo</i>
Alumnado do CEIP Milladoiro de Malpica durante unha actividade. Fonte: RAG
A coincidir coa celebración, este 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas, a Real Academia Galega deu a coñecer a resolución do O I Premio Na lingua que eu falo. O CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños foi distinguido con este galardón que recoñece o traballo a prol da transmisión interxeracional do galego.

Este premio recoñece, segundo lembra Henrique Monteagudo, presidente da RAG, "o bo facer do profesorado", ademais de ser un galardón "ao conxunto da súa comunidade educativa, rapaces e rapazas, nais, pais, avós e avoas e persoal dos servizos complementarios da escola". Segundo Monteagudo "este colexio actúa ademais nesta ocasión como representante dunha comarca, a de Bergantiños, que serve a toda a sociedade galega de espello no que se mirar. Terra orgullosa da nosa fala onde atopamos os mellores datos de transmisión interxeracional do idioma".

O galardón nace "co propósito de recoñecer persoas, proxectos, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística entre a poboación infantil, semente de futuro da lingua, do país". A iniciativa insírese no programa Primavera das Letras, e toma o seu título dun verso de Rosalía para resaltar "a importancia que ten en concreto, dentro dese vivir e expresarse na nosa lingua, a práctica oral do galego entre as novas xeracións, protagonistas do futuro deste don colectivo".

Segundo destacou Fina Casalderrey, responsable do proxecto Primavera das Letras, o centro desenvolve diferentes actividades de promoción da lingua enmarcadas na programación da radio escolar, Radio Balea ademais do proxecto de alfabetización audiovisual o DichoLeo, o de creación de BD o Galicómic ou recollidas de léxico como o Dicionario mariñeiro ou o Dicionario malpicán, entre outras propostas.

A aproveitar a celebración do Día Europeo das Linguas, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, aproveitou para reivindicar a necesidade de que o galego sexa lingua oficial das institucións europeas.