Sete proxectos audiovisuais terán participación da TVG dentro do plan de apoio ao sector

A compañía pública colaborará en dúas longametraxes, catro documentais e unha serie infantil

A CRTVG acordou este xoves a súa participación nun total de sete novos proxectos cinematográficos -dúas longametraxes, unha serie infantil de animación e catro películas documentais- en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Avaliación de proxectos da TVG, determinouse a participación da Corporación nesta selección de sete proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Apoiar a creación no eido audiovisual e favorecer o sostemento dun sector audiovisual galego que busque tamén a mellora da sociedade son algúns dos criterios que se seguen neste proceso de selección. A compañía publica valorou en moitos dos proxectos as súas perspectivas de difusión internacional. No pasado mes de maio a CRTVG xa aprobara a súa participación noutras sete producións.

A CRTVG vai apoiar a longametraxe Proxecto Emperador, producida por Vaca Films e baixo a dirección de Jorge Coira, un ambicioso thriller que ademais ten garantida a dimensión internacional grazas a un acordo con Netflix. Tamén foi seleccionada a película de animación O meu avó, de Caretos Film A.I.E, un proxecto stop motion realizado en coprodución con Portugal e Francia. Ademais, a Corporación seleccionou unha proposta para o público infantil, a serie de animación en clave de comedia de ciencia ficción Trokers, de 26 episodios e presentada por A Fonsagrada Producións. E no apartado documental, a Galega acordou participar en catro novas producións, todas elas longametraxes: Luz Fandiño, a poeta analfabeta, unha proposta de Cósmica Producións, dirixida por Sonia Méndez; Obra e loita, unha longametraxe documental de Primerbeat Producción, dirixida por Pablo Aldrey, que achegará a historia dun club modesto que conseguiu sobrevivir a base de traballo e de moita paixón. O proxecto ten ambición universal e parte de referencias documentais de grande éxito. A terceira longametraxe documental é Os Botiforas, produción de Casa de Tolos, un traballo musical e antropolóxico da man do investigador Xavier Blanco. Mediante a recreación de situacións cotiás de tempos pretéritos no rural de Galicia, a película revivirá aspectos como o ciclo anual de traballos agrícolas e o momento lúdico posterior a rematar estas tarefas. Completa esta selección A maraxe, longametraxe documental dirixida por Pablo Chouza que xira arredor da paixón polo remo, paixón que lle deu a forza e o impulso necesario ao club de remo de Cabo de Cruz para inscribilo nas portadas da elite do remo en España.