O legado artístico de Man de Camelle entra no CGAC

A obra do alemán e o seu proxecto de museo ao aire libre expóñense no centro de arte contemporánea

A obra do alemán e o seu proxecto de museo ao aire libre expóñense no centro de arte contemporánea
Fotografía do Arquivo de Man
O Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago acolle nas súas salas a obra do falecido ermitán Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle. A exposición Museo (do Ermitán) Man, comisariada por Andrea Serodio e Carmen Hermo, incide na súa creación artística e no seu proxecto vital de crear un museo sobre a súa propia obra máis que nas súas facetas como icona da defensa da natureza ou do seu estilo de vida. Tras da súa morte o 28 de decembro de 2002, ao ver como a súa obra vital fora arrasada pola vertedura do Prestige, o contido da súa pequena vivenda foi recuperado e almacenado en caixas. No ano 2010 o Concello de Camariñas comezou a ardua tarefa de inventariar a colección de bens pertencente a Manfred Gnädinger. Entre os múltiples debuxos, colaxes, esculturas e cadernos, chamaba a atención unha pequena caixa negra sen tapa de aproximadamente 9,5 x 10,5 x 29,5 cm. Na face frontal tiña unha etiqueta onde aparecía escrito "Museum vom Einsiedler Man. Camelle (La Coruña). Spanien". Contiña fotografías numeradas e parcialmente ordenadas coas que o autor deixara instrucións precisas sobre como interpretar o seu museo persoal.

No seu arquivo persoal numerosas cartas mandadas a diferentes medios de comunicación entre os anos 1978 e 1982 que acompañaba de pequenos paquetes fotográficos, resumo do seu proxecto vital. Un deles consérvase actualmente no Museo Man en Camelle. Esta exposición pretende dar un pouco de luz sobre a obra vital de Man e, tal como el tentou, achegala ao gran público. A influenza da súa creación en múltiples artistas consagrados e noveis, coma no fotógrafo inglés Bobby Mills, cuxa serie fotográfica presentada no museo busca transmitir a sentida relación de Manfred Gnädinger co seu contorno natural e considera a súa vida e morte como un símbolo dos lazos complexos entre cultura e natureza. A exposición está dispoñible no exterior, cunha reprodución da caseta do alemán e no espazo de Proxectos e cafetería do CGAC ata o vindeiro 30 de agosto. O CGAC editou un vídeo sobre esta mostra que conta coas acehgas das dúas comisarias da exposición Andrea Serodio e Carmen Hermo e os arquitectos Covadonga Carrasco e Juan Creus, autores da reprodución da vivenda de Man.

Ligazóns