Compostela desvela o seu encontro renacentista con Erasmo de Róterdam

Unha mostra dos seus libros pódese ver en Fonseca ata o 14 de marzo

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:

O Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela alberga xa a exposición "Erasmus Compostellanus: As obras de Erasmo de Róterdam, na Compostela do século XVI", unha escolma dos exemplares de obras do famoso humanista do Renacemento que albergaban as bibliotecas dos intelectuais e coengos galegos do Renacemento, e que se conservan no fondo histórico da universidade. “Algúns dos exemplares expostos son pezas únicas en España”, afirman dende o comisariado da mostra, como sucede coa súa edición de Oictys Cretensis, que pertenceu á biblioteca particular de Don Jerónimo de Acevedo, terceiro conde de Monterrey.

“A través dos seus ex libris, cada un destes exemplares mostra a enorme variedade de lectores e de expectativas de lectura que concitaba a obra de Erasmo: desde os máis xerais selos de pertenza a colexios da Compañía de Xesús, pasando por célebres propietarios como o licenciado Molina -autor da Descripción de Galicia-, ata chegar a fray Diego de Zúñiga e ao doutor Frechilla, amigo íntimo de fray Luis de León, o primeiro, e membro do comité que valorou a heterodoxia do agustino, o segundo”, apuntan os comisarios da mostra. “Quizais resulte elocuente ao lector o feito de que sexan os exemplares dos denunciantes e dos membros de tribunais inquisitoriais os máis libres de marcas censoras”, sinalan.

A mostra manterase aberta ata o vindeiro 14 de marzo e está organizada pola Biblioteca Universitaria da USC co comisariado de Jorge Ledo Martínez e Justo Carnicero Méndez-Aguirre.

Que che parece esta nova?
60 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Renacemento, Bibliotecas, Universidade de Santiago de Compostela, USC...