10 noticias da cultura en 2019

Destacados 10 acontecementos relevantes da cultura do país no ano pasado

Destacados 10 acontecementos relevantes da cultura do país no ano pasado
Carlos Núñez no Festival de Lorient. Foto: Delegación galega no Festival de Lorient.
Sempre é difícil escoller entre as novas, os acontecementos e as tendencias culturais dun ano de actualidade. Desta volta, en culturagalega.gal escollemos dez historias que destacaron no ano pasado e que, nalgúns casos, seguirán sendo noticia no 2020. As novas dinámicas dos museos galegos, a colleita extraordinaria de Premios Nacionais, a presenza internacional do audiovisual ou a música ou as celebracións conmemorativas son algúns dos temas destacados.

Os museos clásicos toman pulo
Unha das máis senlleiras institucións culturais do país, o Museo do Pobo Galego, afrontou o 2019 con importantes cambios e proxectos. Cos focos fixados, por mor do Día das Letras Galegas 2019 dedicado a un dos seus principais promotores, Antonio Fraguas, a institución tomou novo director, o antropólogo Manuel Vilar. Afronta a reforma do edificio no que se alberga e a ampliación da superficie e o discurso museográfico coa apertura de novas salas dedicadas á Historia de Galicia. O Museo de Pontevedra tamén afrontou importantes cambios neste ano. José Manuel Rey fíxose cargo da dirección do proxecto e presentou un consello asesor coa finalidade de ampliar a ollada sobre o museo. A institución, pertencente ao Museo de Pontevedra, afronta importantes obras de remodelación nos seus edificios históricos e abrirá nas aforas de Pontevedra unha nova sede de arqueoloxía.

Para saber máis sobre o Museo do Pobo Galego e sobre os cambios no Museo de Pontevedra

Unha ampla colleita de Premios Nacionais
No 2019 vivimos unha excepcional colleita dos premios nacionais que concede o Ministerio de Cultura para diversos creadores e creadoras galegas. Pilar Pallarés obtivo o de Poesía pola súa obra Tempo fósil. Manuel Gallego Jorreto recibiu o de Arquitectura pola súa traxectoria. Xosé Manoel Núñez Seixas o de Ensaio polo seu libro Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018, o xornalista da Radio Galega Anxo Quintela o de Xornalismo Cultural pola súa traxectorial profesional e a editora Kalandraka recibou dous recoñecementos nos premios aos libros mellor editados nas categorías de libros infantís e xuvenís por Cándido e os demais e

Cara de velocidade. Adicionalmente, a artesá Elena Ferro recibiu o Premio Nacional de Artesanía ao “conxunto dunha obra consolidada” mentres que a ceramista Paula Ojea foi gañadora tamén na categoría de produto.

Unha importante colleita audiovisual
O 2019 é un importante ano para o audiovisual galego, que veu como varias das producións, tanto longametraxes como series, acadaron bos resultados de público e de crítica. Destaca O que arde, a longametraxe de Oliver Laxe sobre os incendios que xa se converteu no filme en galego con máis recadación de taquilla da historia e premio Un certain regard no Festival de Cannes. Pero no 2019 tamén destacaron as series Fariña, da produtora galega Bambú Producciones e Hierro, producida por Pepe Coira e dirixida polo seu irmán Jorge. A finais de ano comezou a súa andaina Longa noite, dirixida por Eloy Enciso, con notable éxito e crítica.

Para saber máis sobre o O que arde, Fariña, Hierro e Longa noite. e sobre os cambios no Museo de Pontevedra

De Antonio Fraguas a Carballo Calero
No 2019 celebrouse o Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas, o incansable etnógrafo e activista cultural que foi ponte entre o galeguismo da xeración Nós e as novas xeracións da democracia. Antonio Fraguas dará paso á celebración en 2020, dun Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carballo Calero. Finalmente, a Real Academia Galega nomeou a este profesor ferrolán como homenaxeado, tras numerosos anos nos que fora un dos candidatos posibles para a celebración. Todo fai pensar que boa parte das celebracións versarán ao redor da relación da lingua galega co portugués, toda vez que Carballo Calero foi un dos principais valedores do reintegracionismo.

Para saber máis sobre o Día das Letras Galegas 2019 e o Día das Letras Galegas 2020.


Galicia, un relato no mundo
A exposición “Galicia, un relato no mundo” inaugurou a programación expositiva do Xacobeo 2021 na Cidade da Cultura. A premisa era explorar as relacións de Galicia co seu contorno desde a prehistoria ata os nosos días. Inaugurada en novembro, a exposición reuniu por primeira vez en Galicia algunhas pezas senlleiras vinculadas á historia e á identidade do país, como o Libro das Invasións, procedente do Trinity College de Dublín, a Biblia Kennicott cedida polas Bodleian Libraries da Universidade de Oxford, o Guerreiro de Lesenho traído do Museo Arqueologico Nacional de Portugal ou Santa, a emblemática escultura de Asorey cedida pola Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai). A mostra, comisariada por Manuel Gago, tivo unha gran acollida no seu primeiro mes, superando os 20.000 visitantes. A exposición pódese visitar ata o 12 de abril no Gaiás.

Para saber máis sobre o Galicia, un relato no mundo.

Incertidume en AGADIC
A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) centraliza o groso da acción pública en relación aos profesionais das artes escénicas, musicais e audiovisuais, así que tamén recibiu as críticas de todos os sectores por manter sen dirección durante meses deste 2019 as súas tres cabeceiras de audiovisual (CGAI), teatro (CGAC) e danza (CCG). Arestora xa foi designada a dirección do CDG, que recae en Fran Núñez Alonso, pero segue sen despexarse o futuro das outras dúas. Ademais, a oposición política ao Goberno e varias destas asociacións alertaron dunha notable redución orzamentaria na Axencia, que ve como o aumento de orzamento da Consellaría de Cultura e Turismo nun 9% apenas se reflectiu nas súas propias contas. No caso dos orzamentos do CDG e o CCG mesmo supoñen moi importantes descensos que poden poñer en perigo toda capacidade de produción. Se con estes fíos xa se podían tecer importantes protestas e polémicas, este ano a Xunta decidiu unilateralmente, sen consultar cos axentes, levar a cabo modificacións estatutarias na Agadic que foron vistas con alarma. Na proposta do novo estatuto créase unha xerencia xeral e limítanse as competencias dos coordinadores dos centros, substituíndo a súa capacidade decisoria por outra de carácter só de elevación de propostas. Ademais a nova redacción de estatutos fará coincidir nunha mesma coordinación todo o relativo coa danza con aquelas políticas relativas á música, o que tampouco foi ben visto por ningunha desa dúas partes. Os efectos destes cambios estatutarios e da redución orzamentaria veranse este mesmo ano 2020 a medida que se ocupen as prazas de coordinación, aínda que poden ser menos visibles por mor dos programas de promoción do Xacobeo.

Para saber máis sobre o AGADIC.

Premios para o teatro
As artes escénicas acadaron recoñecementos en 2019. En primeiro lugar, o espectáculo Somos criminais, de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, reivindicouse como o espectáculo teatral máis vendido en galego, con 50.000 entradas en nove meses. Unha obra de Santiago Cortegoso, Raclette foi presentada no marco do Festival de Avignon, pola Compagnie des Velours e a Elisa e Marcela de A Panadaría foi galardoada co premio Las Horas polo Festival Internacional de Cine LGBT de Estremadura. Sincronacidas obtivo o premio ao mellor espectáculo de rúa na feira Fetén de Xixón polo espectáculo Ohlimpiadas, concedido ex aequo con Faltan 7 e o seu espectáculo Express y CÍA.

Para saber máis sobre as artes escénicas no 2019.

Unha nova tradición rupestre
Xunto aos ben coñecidos petróglifos gravados nas laxes do país, no 2019 foi presentado un importante achado que confirma a existencia dunha tradición de arte rupestre pintada no país, especialmente localizada nas zonas orientais de Galicia. No abrigo de Pala das Cabras, en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense) apareceron varias representacións dunha figura coñecida como “ídolos oculados”, unha figura de grandes ollos que aparece con frecuencia en pinturas rupestres, en gravuras e mesmo esculturas no centro e sur da península. O achado revela as importantes conexións culturais na prehistoria no interior da Península Ibérica.

Para saber máis sobre a descuberta.

Lorient acolle os 'celtas do sur'
O festival bretón de Lorient, considerado como un dos principais eventos da música celta, dedicou a súa edición 49ª a Galicia. O cartel musical galego foi encabezado por Carlos Núñez, Mercedes Peón, Milladoiro e Xosé Lois Romero, pero contou con moitos máis grupos e actividades de difusión da lingua e cultura galegas.

Para saber máis sobre Galicia en Lorient.


Apertura de novos espazos museísticos
No 2019 abriron dous novos espazos museísticos de relevancia no país. A Casa Museo Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, que permite o acceso á vivenda do escritor na praza da catedral de Mondoñedo é un repaso á biografía e ao universo literario do escritor. Tamén abriu neste ano o Museo do Viño de Galicia, na reitoral de Santo André, en Ribadavia, despois dun longo proceso de reforma e acondicionamento. Ao tempo, tamén se pechou o Museo Galego da Marioneta ubicado no pazo de Liñares (Lalín), sen que haxa polo momento expectativas de reapertura.

Para saber máis sobre a difusión de Álvaro Cunqueiro e o Museo do Viño.