Continuamos o noso repaso ao que deu de si 2019 en diferentes campos da cultura. Manolo González a ollar o audiovisual dos últimos doce meses, o resumo literario do ano da man de Montse Pena Presas e unha perspectiva da cultura científica deste período realizada por Manuel Vicente continúan a retrospectiva.
AUDIOVISUAL
As luces do ano
Manolo González
Se alguén solicitara un balance anual do audiovisual galego nos últimos 10 anos, de seguro non tería problema coas 500 palabras requiridas para este resumo, mais tratándose do ano 2019, poucas veces o audiovisual en galego tivo a ocasión de refulxir tanto nas dúas caras da moeda que reflicten o cinema en calquera lugar do mundo: o industrial e o cinema con mirada propia. Así pois, limitarémonos a condensar o máis esencial.
Por unha banda, dende o cinema/TV industrial acadamos unha certa normalización nas grandes plataformas do estado, ao marxe da TVG e as axudas institucionais de Agadic; tendencia que xa comezara o ano pasado coa serie Fariña (Neflix). Neste ano irromperon proxectos como Hierro (Movistar) dos irmáns Coira e Portocabo e Antes de perder (Playz-TVE) de Sonia Méndez, mais tamén podemos considerar un fito a presenza en Neflix da primeira serie en V.O. galega, O sabor das margaridas de Ghaleb Martínez , Eligio Montero, Raquel Arias e Miguel Conde. Pola contra, o cinema industrial semella andar en horas baixas coas coproducións de Vaca films case en solitario e filmadas co estilo "thriller eficaz" marca da casa: con rodaxe en inglés, Feedback de Pedro Corredoira ou en castelán, Quien a hierro mata de Paco Plaza. Ambas cun escaso compromiso coa cultura propia do pais e desdebuxadas como coproducións internacionais.
Mais onde podemos identificar a verdadeira novidade -cuestionando ese "ecosistema equilibrado" como cualificaba o "crítico oficial" á produción do ano-, é nun grupo de filmes, feitos dende as tripas e o corazón, un cinema esencial, filmado con orzamentos raquíticos, algúns ao marxe da produción convencional, no que o país e o idioma agroman sen complexos e que nos representa como sinal identitario nas pantallas dos festivais mais prestixiosos do mundo. Un cinema que sirve para recoñecérmonos dende dentro, mais tamén para representármonos con eficacia mais alá dos lindeiros da casa. Non foi doado chegar ata a fecunda colleita do 2019 que poderíamos agrupar baixo do paraugas do denominado Novo cinema galego; case todos director@s que comezaron a súa andaina nos últimos anos da extinta Axencia audiovisual Galega. Non pode negarse que O que arde de Oliver Laxe, Longa noite de Eloy Enciso, Hamada de Eloi Domínguez, Arima de Jaione Camborda, De barrio de Xurxo Chirro ou Sete limbos de Alexandre Cancelo e Berio Molina, están a falar de cara co mellorciño do cinema universal. E aínda fican pendentes de estrea - primavera do 2020- grandes filmes rodados no 2019 como Lúa Vermella de Lois Patiño e Eles transportan a morte de Helena Girón e Samuel Delgado; outras pezas singulares que rachan coa "tradición industrial" do audiovisual galego desta última década son: a magnífica Eroski-Paraíso de Jorge Coira e Xesús Ron e a teimuda La felicidad de los perros de David Hernández , realizada sen ningún tipo de apoio institucional, completando o balance de produción anual. Un balance acreditado que marca tendencia -polo menos en Galicia- e avisa ás institucións (Agadic ou TVG) por ónde van os nosos autores, cal é o camiño a seguir e ónde poñer o foco do apoio público se queremos que o cinema galego acade verdadeira resonancia internacional. Levamos xa 20 anos investindo moreas de euros na leria da internacionalización do audiovisual galego sen resultados alentadores, nin a nivel de crítica ou de público. E resulta que estes filmes modestos e sinxelos, mais cargados de verdade e autenticidade son os que verdadeiramente están a levar a nosa cultura e fala a participar con éxito nos mercados e festivais internacionais. Unha eficaz marca de país. Por favor, tomen nota, porque un fenómeno similar non se produce noutros soportes artísticos da cultura galega. Na mesma dirección, tamén podemos considerar moi relevante a consolidación de fiestras nos que o cinema con alma normaliza o seu contacto co público galego como Numax en Compostela -que ademais é distribuidora-, os cines Codex de Lugo e os Dúplex de Ferrol. Ao fin, espazos propios e únicos de difusión e divulgación da arte do cinema pequeno e do cinema propio en tempos de incerteza e globalización.
Manolo González é crítico, dinamizador e investigador do audiovisual galego. Foi responsable da creación da Escola de Imaxe e Son da Coruña e dirixiu da Axencia Audiovisual Galega entre 2006 e 2009, ademais de promover proxectos como o Chanfaina Lab
LITERATURA
A poesía gaña
Montse Pena Presas
O 2019 non semella un ano doado de resumir no que a literatura galega se refire, porque ocorreron fenómenos diversos, de amplitude limitada, que agudizan levemente tendencias que viñan de anos anteriores, ou que, ao contrario, semellan tentar revertelas.
No xénero narrativo, quizais o máis significativo sexa a proxección alén do Padornelo de determinadas voces autoriais de noso, bastante apegadas ao formato comercial, aínda que non por iso carentes de calidade. Os nomes de Arancha Portabales, Pedro Feijoo e Ledicia Costas quizais sexan os que mellor representan esta aposta. Tamén asistimos, neste 2019, a unha fervenza de publicacións un tanto agoniante que pode facer que o lectorado fidelizado se perda. Neste contexto, os premios literarios están a perder parte do seu valor simbólico e ás veces, nin os selos de ter gañado o Blanco Amor ou o Xerais serven para garantir unhas determinadas vendas ou repercursións. Por sorte, ás veces aparecen pequenas xoias en forma de obras inesperadas: Carrusel de Berta Dávila é unha delas.
A poesía, pola súa parte, segue a saír referendada deste período, en parte por ese premio nacional a Pilar Pallarés, mais tamén porque se confirmar que as editoras máis pequenas que apostan por unha edición de calidade (grazas Chan da Pólvora e Apiario) están obtendo os seus réditos. E isto, sumado á incorporación das voces máis novas, que xa coñeciamos, pero que volven para arrequecer o panorama, dá como resultado un ecosistema variado e de calidade. A literatura dramática continúa un tanto á deriva, tamén auspiciada polo desleixo, por parte dos poderes públicos, pola súa forma escénica. Quizais, as boas novas, no que a textos dramáticos se refire, sexa o agromar dun número significativo de títulos dirixidos a público infantil e xuvenil e saídos do obradoiro de Galaxia. E é precisamente o campo dos libros para nenas e mozos o que precisaría doutra análise, porque alí os premios seguen importando (quizais porque hai moitísimos menos) e porque o lectorado acompaña (alén do ensino, especialmente na literatura infantil, tamén).
Montse Pena Presas é crítica e investigadora da literatura galega, especializada no ámbito da LIX. Na actualidade é profesora no Departamento de Didácticas Aplicadas da Universidade de Santiago de Compostela
CULTURA CIENTÍFICA
Da divulgación ás estrelas
Manuel Vicente
Sen dúbida, o 2019 será lembrado no mundo da ciencia como o ano no que puidemos ver a primeira imaxe dun burato negro. Esta famosa "fotografía" da sombra dun burato negro foi a culminación aos esforzos de anos do International Event Horizont Telescope. Nesta colaboración internacional teñen traballado mais de 200 científicos. Entres eles a galega Raquel Fraga, astrofísica do grupo BlackHoleCam na Universidade de Radboud nos Países Baixos, que investiga o plasma quente nas inmediacións dos buratos negros.
A Táboa Periódica dos Elementos celebrou os seus 150 anos logo da súa primeira publicación por parte de Dimitri Medeleev en 1869. O criterio actual de determinación das masas atómicas estableceuse en 1961 pola Comisión de Pesos Atómicos da IUPAC presidida polo catedrático de química da USC Tomás Batuecas. Batuecas foi o creador da química-física en Galicia e chegou a publicar tres artigos en Nature entre 1947 e 1954. A Real Academia Galega de Ciencias escolleu a Tomás Batuecas como o protagonisita do Día da Ciencia en Galicia en 2019.
O Consello Europeo de Investigación (ERC, European Research Council) financia ás mellores investigacións de fronteira, de alto risco e impacto. Os investigadores que reciben as súas bolsas son amplamente cobizados polos centros de investigación. Este ano houbo unha boa colleita destes proxectos en Galicia nas súas diferentes modalidades: Starting Grant para a química orgánica Elena Pazos (CICA, UdC) e o arqueólogo Jorge de Torres (INCIPIT, CSIC); Advanced Grant para o físico Carlos Salagado (IGFAE, USC); Consolidator Grant para o químico Martín Fañanás (CIQUS , USC); e Proof of Concept para o químico Javier Montenegro (CIQUS, USC).
No ámbito da cultura científica é moi salientable que no eido editorial empezan a emerxer coleccións de divulgación en galego de produción propia, algo que levabamos botando en falla durante moito tempo. Así, este ano botou a andar con dous títulos a colección "Lanterna de Aristóteles" na Editorial Galaxia. Por outro lado, os "Básicos de Ciencia" de Xerais engaden 4 libros mais a súa andaina iniciada en 2016. Tamén podemos atopar obras de divulgación científica, fundamentalmente da natureza, no selo "Faktoria K" de Kaladranka que está fornecido tanto de obras traducidas como de produción propia.
Cómprenos destacar que o teimudo traballo de xornalismo e divulgación do portal "GCiencia" fíxose este ano co premio Prisma Casa das Ciencias á mellor web divulgativa que conceden os Museos Científicos Coruñeses.
O Nobel de física deste ano recoñeceu con medio galardón aos descubridores do primeiro exoplaneta entorno a unha estrela, Mayor e Queloz. O 17 de decembro a Unión Astronómica Internacional nomeou á estrela HD 149143 como "Rosaliadecastro" e ao seu exoplaneta como "Riosar". Este foi o nome proposto e impulsado pola Agrupación Coruñesa IO, e que resultou gañador nunha votación web para determinar a candidatura española na campaña "NameExoWorlds". Este 2019 celebrouse tamén o 10 aniversario do observatorio astronómico de Forcarei e o 20 aniversario da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra.
Manuel Vicente é divulgador científico e responsable desde 2006 do programa Efervesciencia da Radio Galega. Ademais fai parte da directiva da asociación Divulgacción e desenvolve diferentes propostas didácticas neste campo.