O 2019 desde o miradoiro (I)

Repasamos con expertos os fitos do ano no ámbito da música, o patrimonio cultural e o teatro

Repasamos con expertos os fitos do ano no ámbito da música, o patrimonio cultural e o teatro
Foto: Marful
Comezamos o noso repaso anual aos diferentes sectores da cultura do país ao longo de 2019, a través das olladas de expertos. Desta volta, achegámonos á música da man do crítico e escritor Pepe Cunha, ao patrimonio cultural co arqueólogo Francisco Alonso Toucido e ao teatro co autor Fran Peleteiro.



MÚSICA
Argumentos para crer
Pepe Cunha

Entre o público que só responde ás citas grandes e as minorías do underground e a autoxestión, existe un espectro amplo de artistas e axentes que seguen a devecer por unha industria musical propia, recoñecíbel e que reflicta a nosa diversidade e calidade. No 2019 abondaron os argumentos para crer e consumir do noso, mais isto exixe un compromiso real, non anecdótico, nos altofalantes, nesa radiotelevisión pública que agocha as excepcións honrosas ao tempo que sobrexpón o máis costumista e fácil.

Podemos presumir de festivais con menos talonario e/ou máis risco ou curiosidade, que funcionan con propostas menos obvias, como WOS, SinSal, Noroeste ou 17º Ribeira Sacra. Se ollamos as nosas artistas, constatamos a repercusión que acadan fóra Baiuca (e máis canda Aliboria), Mercedes Peón, Xabier Díaz, Sumrrá, Ortiga, Agoraphobia ... e os primeiros pasos que deron Sés ou Guadi Galego, que publicou un álbum exemplar na unión de calidade, compromiso e orixinalidade.

Sen deixar a visibilidade no exterior, cómpre lembrar o momento protagonizado por Sabela interpretando/reivindicando na final de OT unha canción dos grandes Marful; feito detonante para que a banda volvese para se despedir por todo o alto no Culturgal, con cheo no concerto e milleiros de visualizacións por Internet.

Outro feito salientábel e necesario para normalizarmos a escena foi unha maior publicación de libros musicais: “Unha historia do pop-rock en Galicia”, as biografías de Guadi Galego e Magín Blanco ou o libro-disco de Xico de Carinho; este por unha CentralFolque que segue a publicar sobre artistas do tradicional.

E que dicir da colleita variada de discos ? Os regresos de Dios Ke Te Crew e Holywater, o debut de Marcelo DoBode, o “Ontology” de Xosé Miguélez, as consolidacións de Tanxugueiras e Os Amigos dos Músicos, un novo Budiño ...

Pepe Cunha é critico musical e escritor especializado, responsable do espazo Ábrete de Orellas, dúas veces gañador do Premios Martín Códax ao Mellor Espazo de comunicación Musical



PATRIMONIO CULTURAL
Alén das fisterras
Francisco Alonso Toucido

O complexo mundo do Patrimonio Cultural galego contou cun interesante e dinámico ano 2019. No eido das exposicións, Galicia un relato no mundo, cun discurso fuxindo de estereotipos, reivindica o papel dunha Galicia conectada co exterior dende a prehistoria ata os nosos días. Pezas únicas, como a biblia Kennicott, o itinerario de Exeria ou o mapa de Sawley, entre moitas outras, conforman a primeira exposición do Xacobeo 2021, no Gaiás. Galaicos, no Museo de Pontevedra ou Santomé na Afundación de Ourense son tamén exposicións que rachan co concepto do fisterra e aillamento galego, mostrando contactos culturais a grande escala e un posicionamento fundamental dentro dos grandes acontecementos e tendencias mundiais ao longo da historia.

Entre os fitos da arqueoloxía deste ano destacan traballos fornecidos tanto dende a arqueoloxía comercial como dende institucións de investigación. Algúns exemplos dende a arqueoloxía comercial son a constatación dun bosque prehistórico en solares do centro de Vigo, cuns 8000 anos de antigüidade ou a sauna nun excepcional estado de conservación, localizada no castro da Atalaia en San Cibrao.

Dende organismos de investigación parten os proxectos de Casaio e Oímbra, ambos con elementos comúns como é a arte esquemática. Nunha Galicia con escaseza de arte pictórica prehistórica, no 2019 localizáronse dous novos conxuntos, o primeiro ídolo oculado nas proximidades de Trevinca, en Casaio e as primeiras representacións sobre granito, en Oímbra. Estas descubertas realizáronse no contexto de interesantes traballos en arqueoloxía contemporánea sobre a guerrilla antifranquista, a de Casaio o ano en que nos deixou Camilo de Dios o último guerrilleiro galego e a de Oímbra co traballo en Lobarzán, un grande xacemento cunha ampla cronoloxía que vai dende a prehistoria ata a Idade Media, pasando por época romana, o ano en que nos deixou o profesor Manuel Caamaño, investigador fundamental deste período.

Na divulgación do patrimonio propostas como o centro de interpretación de Bretoña, A Pastoriza, a casa museo de Álvaro Cunqueiro e o centro de interpretación da imprenta en Mondoñedo; ou o museo do Viño en Ribadavia súmanse como recursos de divulgación e custodia da nosa historia. Os concellos loitaron tamén pola posta en valor do patrimonio, con proxectos de divulgación de arte rupestre a través de fotogrametría como o de Moaña ou o financiamento de intervencións arqueolóxicas como a do castro das Barreiras en Vimianzo. Dende a Xunta de Galicia iniciáronse intervencións nos castros de Montealegre e Viladonga así como no círculo lítico de Barreiros; intervencións de grande calado véndose reducidas as de menor entidade polo pago de indemnizacións millonarias a promotores urbanísticos como no caso do castro da Atalaia. A catedral de Santiago iniciou un período de grandes obras de restauración integral, na que boa parte das súas áreas están sendo restauradas e continuarán nos próximos anos.

O sector realizou profundas reflexións e debates, destacando as tan necesarias primeiras xornadas de xénero, arqueoloxía e patrimonio ou o Foro Patrimonio e Sociedade do Consello da Cultura Galega co obxectivo de mellorar a xestión do noso patrimonio. Debates moi necesarios ante casos como o estado de conservación do Parque do Pasatempo en Betanzos ou a proposta de derribo do cargadoiro Coto Wagner, na ría de Vigo. Así como a continua precariedade laboral e estacionalidade á que se ven sometidos os profesionais do patrimonio en Galicia. Esperemos que o 2020 aporte novas solucións a estes problemas e contemos cun ano igual de frutífero.

Francisco Alonso Toucido é investigador predoutoral en arqueoloxía pola USC e xerente da empresa Estela Arqueoloxía e Patrimonio S.L.



TEATRO
A nada que nos deixen
Fran Peleteiro

Hai ben tempo que as artes escénicas galegas habitan nas trincheiras. No último envite a AGADIC quere converter as direccións do CDG e CCG, descabezadas por renuncia e cese neste 2019, en meras asesorías. Un ano no que Chévere, polas curvas da política é desaloxada da súa casa, en Teo. Caprichos que obrigan ao FITO a facer unha edición de resistencia; ou que pechan o Museo Galego da Marioneta; ou liquidan a Mostra de Teatro Clásico de Lugo. Un ano no que o informe do Observatorio da Cultura Galega evidencia que as mulleres seguen cobrando menos, tendo menos personaxes principais, e desaparecendo dos postos técnicos.

O ano no que perdemos a Celso, que deixa un soberbio legado, sen o cal a historia do teatro galego non se entende. Grazas Celso Parada.

Mais a creación escénica en Galicia resiste, empéñase na excelencia e fertilidade pola vontade das súas creadoras. A pouco que nos deixan somos quen de facer a primeira ópera galega deste XXI, A amnesia de Clío. Marta Pazos dirixe no CDN e no Teatro Real. Nace Camiño Escena Norte. Novas compañías intentan sobrevivir á súa primeira tempada. Monicreques de Kukas celebra corenta anos de vida, toda unha xesta. A Ártika e a Ingrávida son máis vizosas ca nunca. Matarile, compañía galega como Valle-Inclán, protagoniza o Festival de Otoño de Madrid con tres espectáculos. Ana Vallés é finalista á mellor dirección nos premios Max. Créase a Asociación de Profesionais Técnicos ao Vivo e ve a luz a plataforma dixital Mundo Escénico.

A pouco que nos deixan convertemos un ermo val de políticas culturais nun verxel artístico. A nada que nos deixen mudar o status quo no ano que entra, veremos do que somos capaces.

Fran Peleteiro (Vigo, 1979) está titulado en Arte Dramático pola ESAD, é autor teatral con varias obras publicadas e libretos levados aos escenarios, ademais é actor con ampla traxectoria no audiovisual.