A Agadic incrementa a dotación do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais

Saen á luz os textos das dez das pezas teatrais do grupo de traballo DramaturXa do CDG

A 25 edición do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais acaba de presentar as súas bases cun incremento de dotación. A Axencia Galega das Industrias Culturais lanzou este 4 de decembro a convocatoria deste galardón canda a do XI premio Manuel María de literatura dramática infantil e do XIV Barriga Verde de textos para monicreques. No caso do Álvaro Cunqueiro, a persoa gañadora recibirá 8.000 euros fronte aos 6.000 con que contaba ata este ano. O prazo de presentación de orixinais estará aberto ata o vindeiro 4 de maio de 2020.

En paralelo, Edicións Positivas, coa colaboración da Axencia, presentou na última edición de Culturgal DramaturXa. O volume compila dez textos xurdidos do grupo de traballo do mesmo nome que coordinou Manuel Lourenzo para o Centro Dramático Galego en 2019. A obra recolle os textos Cuncas dos nosos ollos, de Lois Blanco; Albaroque, de Ana Carreira; O ronco do carneiro, de Santiago Cortegoso; Vera, de Eva F. Ferreira; Onde veñen morrer as baleas, de Ernesto Is; Que veñan os cans, de Zé Paredes; Wonderland, de AveLina Pérez; O péndulo, de Marta Pérez; Lar, de Rosa Puga Davila, e Bic, de Gloria Rico.