O Parlamento de Galicia homenaxea a Celso Emilio Ferreiro

A cámara realizará unha publicación polo 40 aniversario do pasamento do autor

O Salón dos Reis da sede do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu na tarde deste 2 de decembro un acto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro co gallo do 40 aniversario do seu pasamento. No cacto, para alén do presidente da institución, Miguel Ángel Santalices, interviron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o profesor Ramón Nicolás, biógrafo do homenaxeado; e o académico e ex-presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Canda a eles, Alumnado do IES Castelao, de Vigo, e do IES Celso Emilio Ferreiro, de Celanova, deron lectura a diferentes textos do autor homenaxeado. Tamén fixeron parte do acto un fillo e un bisneto de Celso Emilio Ferreiro.

Como parte desta homenaxe, a Cámara prepara a publicación dunha obra sobre Celso Emilio que contará co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que recollerá textos de Ramón Nicolás. Segundo sinalou Santalices, "para os que nacemos, nos criamos e pensamos en galego, Celso Emilio Ferreiro –ao que tiven o privilexio de tratar na nosa casa de Bande- é unha figura determinante".